O comité de empresa de ENCE tentará negociar a retirada do ERE a próxima semana
Por Redacción
A próxima semana, durante tres días, os membros do comité de empresa de ENCE estarán en Madrid negociando coa dirección o expediente de regulación de emprego que foi retirado pero que a empresa intenta aplicar.
Esta mañá, representantes do comité de empresa reuníanse co voceiro municipal do Partido Popular, Jacobo Moreira, que mostraba o seu apoio aos traballadores e alegaba que "unha empresa que distribuíu 16 millóns de euros de dividendos e á que Lores só lle esixe o 50% do que se lle pode esixir. O que está claro é que ENCE está destruíndo o seu principal argumento".
Pola súa banda, o presidente do comité, Xesús Graña, indicaba que "estamos nun proceso negociador que remata este mes. Estaremos en Madrid esta semana, a ver se chegamos a acordo. Os postos fan falta, pero se a empresa mantén que hai que eliminalos o conflito está montado".
Graña agradeceu o apoio do PP local pero comentou ao remato da reunión que "non sacamos nada respecto ao futuro. Seguen mantendo 2018 como data límite e nós esperamos que vaian aclarando todo respecto a este tema".
Jacobo Moreira indicou que "o que di o PP está no programa electoral. A Lei de Costas expón que non hai prórrogas automáticas. E as declaracións de Louzán din que o importante é o emprego"