Os traballadores de ENCE aceptan 11 baixas incentivadas e prexubilacións en Lourizán
Por Redacción
A asemblea de traballadores da fábrica de ENCE en Lourizán deu o visto e prace á negociación mantida entre o comité de empresa e a Dirección e aceptou que se eliminen 11 postos de traballo na fábrica de Lourizán. Estes empregos non serían despedimentos, senón baixas incentivadas para maiores de 58 anos e prexubilacións.
O acordo recibiu o respaldo de 71 dos 95 traballadores que votaron na asemblea, pero está pendente de cumprir dúas condicións. A primeira é que os 11 traballadores afectados acepten de forma voluntaria a oferta que lles faga a empresa. A segunda vai máis alá, ata a fábrica de ENCE en Navia (Asturias), pois os comités de empresa de todas as factorías pactaron que o acordo coa empresa só iría adiante se o avalaban todos os traballadores.
Así, en Huelva e Pontevedra xa se votaron as novas condicións do plan de reestruturación da empresa e aprobáronse, pero en Navia a asemblea de traballadores non se celebrará ata este venres 5 de xullo. En principio, en Lourizán confían en que si se dea visto e prace ao acordo, pero ata que se celebre a votación non haberá nada definitivo.
Se en Navia se ratifica, o plan de reestruturación seguirá o seu curso e a empresa empezará a negociar as condicións da súa marcha cos once traballadores afectados, a maioría deles da parte administrativa e de delineación, e tamén haberá un prazo de 15 días para que os empregados que queiran acollerse á prexubilación ou baixa incentivada o comuniquen.
O comité rexeitou calquera redución do equipo que afectara a departamentos como enerxía ou dixestión ao considerar que son vitais para o funcionamento da fábrica. En canto aos 11 afectados, sinalan que "non nos gusta que se toque a ninguén, pero son o menos malo". A medio prazo poderían chegar a verse afectados outros catro traballadores do parque de madeiras, pero esta redución de persoal está supeditada a unha mellora na maquinaria que a empresa aínda non realizou e sempre deberá ter a aprobación da asemblea de trabajaores.
Con este acordo redúcese substancialmente a afectación inicial ao equipo proposto no ERE presentado pola empresa, que supoñía 39 despedimentos en Lourizán.