Alianza y Barros reabre o tanatorio de Ponte Caldelas
Por Redacción
O tanatorio de Chan da Barcia de Ponte Caldelas, unha instalación pechada hai seis anos por mor de deficiencias no edificio, reabriu este mércores, segundo confirmaron dende a empresa Alianza y Barros, acollendo xa o seu primeiro servizo.
O goberno local acolleu con gran satisfacción a nova despois de que nos tres anos e medio transcorridos deste mandato impulsara varias iniciativas para tratar de impulsala, consciente da gran demanda deste servizo entre a cidadanía.
O goberno local caldelán expresa o seu agradecemento público á empresa Alianza y Barros, socia con Santa Lucía na titularidade e explotación desta instalación. Foi a empresa galega a que asumiu o investimento de 150.000 euros na reparación do tellado a raíz dun expediente de disciplina urbanística.
Dende a empresa pontevedresa explicaron que no seu día decidiu afrontar soa as obras de reparación da instalación "farta de esperar" a que Santa Lucía-Albia aboara a "elevada débeda" que mantén como socia de Velatorio de Ponte Caldelas, S.L.
Alianza y Barros non deixou de lamentar de xeito directo e publicamente durante todo este tempo as molestias que o peche da instalación estivo causando aos seus potenciais usuarios, esencialmente aos seus asegurados, aínda que tamén insistiu en que "nas decisións empresarias interveñen outras cuestións que as veces condicionan gravemente o propio servizo".
Neste caso, a prolongación da inactividade do velorio durante case cinco anos derivou da necesidade de determinar as responsabilidades pertinentes en relación aos danos sufridos no inmoble a raíz daquel afundimento parcial do teito, unha cuestión que debían dirimir as compañías de seguros. Ademais, Santa Lucía-Albia leva sen atender as súas obrigas financeiras na empresa desde o ano 2009, o que bloqueou moitos anos calquera investimento no edificio.
Neste sentido, nunha recente xunta de accionistas, Alianza y Barros presentou un informe pericial económico independente que certificou que a firma pontevedresa fixo o 75% das achegas económicas totais de Velorio de Ponte Caldelas, S.L., fronte ao 25% de Santa Lucía-Albia, cando ambas deberían ter aportado a mesma cantidade.
A obra realizada no tanatorio abordou o arranxo completo do tellado, coa demolición de toda a cuberta de placas onduladas de fibrocemento con amianto e muretes dos perímetros laterais, a modificación das viguetas para nivelar a estrutura, e a colocación do panel sandwich de 40 milímetros, ademais de traballos de remate, colocación de caleiros vistos polo exterior para evitar a entrada de auga no interior do inmoble, accións de illamento e impermeabilización e selado do lucernario.
As fachadas sometéronse tamén a un intenso traballo de reparación, co picado dos paramentos exteriores das mesmas, limpeza, revestimento con pintura e fixación de pedras. Así mesmo, monitorizouse a porta do garaxe, construíronse novas beirarrúas, colocáronse unha marquesiña frontal e farois exteriores e se realizaron tarefas de xardinería.
Na parte interior do tanatorio leváronse a cabo traballos de carpintería coa colocación de novas portas, rodapés, falso teito de metacrilato translúcido, picado dos paramentos de perlita, pintura, renovación das pranchas de escaiola, substitución e selado de ventás, extintores, revisión de fancoils, cadro eléctrico e central de incendios, substitución da luminaria, aparatos de aire acondicionado e cambio de mobles fixos de madeira.
O xerente de Alianza y Barros, Fernando Gutiérrez, mantivo contactos nestes anos tanto co actual alcalde, Andrés Díaz, como co seu predecesor, Perfecto Rodríguez, para informarlles das dificultades que atopou a empresa para resolver a situación.
As desavinzas empresariais entre os dous socios, destacan dende o Concello, non impediu que Alianza y Barros fixérase cargo da solución e permitira chegar ata a solución que hoxe se materializa.
O equipo municipal tripartito agradeceu tamén a toda a veciñanza caldelán a súa comprensión diante dun problema complexo, "herdado do anterior equipo de goberno, cuxos representantes renunciaron a exercer as competencias municipais e limitáronse a lavar as mans dicindo que non se podía facer nada porque son cousas das empresas privadas".
Relacionadas:
-
Comezan as obras do tanatorio de Ponte Caldelas
Por Redacción |
-
Alianza y Barros asumirá a reparación do tanatorio de Ponte Caldelas
Por Redacción | Creada e actualizada