Alianza y Barros asumirá a reparación do tanatorio de Ponte Caldelas
Por Redacción
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Alianza y Barros, unha das compañías accionistas de Velatorio de Ponte Caldelas, S.L., sociedade propietaria do tanatorio que permanece pechado nesta localidade desde o mes de novembro de 2013, decidiu unilateralmente iniciar a reparación da instalación "farta de esperar a que a outra firma responsable, Santa Lucía-Albia, asuma as súas obrigas".
A funeraria pontevedresa pretende ir paulatinamente repercutindo o custo da obra nos servizos que no futuro preste no velorio a outra empresa.
Segundo informan dende Alianza y Barros nun comunicado, a súa decisión "non garda relación coa sorprendente iniciativa adoptada polo Concello de Ponte Caldelas a mediados do pasado mes de xullo de ameazar aos socios de Velatorio de Ponte Caldelas S.L. con fortes multas se non procedían de inmediato ao arranxo das instalacións, unha ameaza que deu un xiro aínda máis estrafalario co ofrecemento verbal do actual alcalde de retirala se os donos acceden a vender o inmoble á administración municipal".
Alianza y Barros lamenta publicamente as molestias que o peche da instalación está causando aos seus potenciais usuarios, pero lembrar que nas decisións empresariais "interveñen outras cuestións". Neste caso, a prolongación da inactividade no velorio desde hai case tres anos "deriva da necesidade de determinar as responsabilidades pertinentes en relación aos danos sufridos no inmoble a raíz do afundimento parcial do teito, unha cuestión a dirimir coas compañías de seguros".
Ademais engaden que "Santa Lucía-Albia non atende as súas obrigas financeiras na empresa desde o ano 2009 nin como accionista nin cando fixo uso das instalacións como cliente, o que condicionou calquera investimento durante todo este tempo".
O xerente de Alianza y Barros, Fernando Gutiérrez, xa informara dos pormenores do conflito entre as dúas funerarias tanto ao actual alcalde, Andrés Díaz, como ao seu predecesor, Perfecto Rodríguez, e recordoulles en varias ocasións que a actividade privada, como é o servizo de tanatorio nese edificio de Ponte Caldelas, "nin ten as mesmas obrigas que a xestión pública nin se rexe polas mesmas variables". Máis dunha vez suxeriulles ademais que fixeran municipal o servizo, se realmente lles interesaba.
PONTE CALDELAS CELEBRA A REAPERTURA
Pola súa banda, o goberno municipal de Ponte Caldelas asegura celebrar con "enorme satisfacción" o anuncio de que a funeraria Alianza y Barros vai proceder á reparación dos desperfectos no edificio do tanatorio de Ponte Caldelas, con vistas á súa reapertura o antes posible. "É unha gran nova para o municipio", subliña o alcalde, Andrés Díaz, quen atribúe o sucedido, "sen a menor dúbida", á iniciativa municipal de facer cumprir a legalidade urbanística co inicio dun expediente sancionador.
Neste sentido, Díaz avanzou que se a empresa quere evitar a executividade das multas, valoradas en 10.000 por trimestre, acelere a presentación da solicitude para a licenza das obras que debe realizar, "porque no Concello non perderemos un segundo na súa tramitación".
O alcalde asegura estar "moi satisfeito" de que, despois de que o tanatorio pechara en novembro de 2013 por "simples discrepancias" entre os socios e coa "connivencia" do anterior equipo de goberno do Concello, a situación pareza que estea en vías de solución. "Esto evidencia que este Concello defende os intereses dos veciños por enriba de calquera outra consideración e que, fronte ao pasotismo do Partido Popular, que dicía que non se podía facer nada porque este era un asunto privado entre empresas, había e hai recursos legais", rematou.
Relacionadas:
-
Alianza y Barros reabre o tanatorio de Ponte Caldelas
Por Redacción |
-
O tanatorio de Ponte Caldelas dispón dun prazo dun ano para a súa reapertura
Por María López Verdial |
-
Comezan as obras do tanatorio de Ponte Caldelas
Por Redacción |
-
Tres empresas funerarias, interesadas en explotar o servizo de tanatorio en Ponte Caldelas
Por |
-
O Concello de Ponte Caldelas sancionará con multas de 10.000 euros cada tres meses ás empresas do tanatorio
Por Redacción |
-
O PP de Ponte Caldelas acusa o alcalde de mentir cando anunciou a reapertura do tanatorio
Por Redacción |
-
Acordo para a reapertura do tanatorio de Ponte Caldelas
Por Redacción |