Os socialistas piden un maior coidado das esculturas da cidade
Por Redacción
As esculturas da cidade están "absolutamente abandonadas" polo goberno municipal, segundo denuncian desde o PSdeG-PSOE, que vén de solicitar que o Concello se ocupe de mellorar o estado destes conxuntos artísticos.
O voceiro socialista, Tino Fernández, considera que a imaxe que se dá é "moi lastimosa", tanto de cara os turistas como aos veciños da cidade, ao non atender os danos que presentan moitas destas esculturas.
Entre as incidencias detectadas, Fernández cita as pintadas na escultura de homenaxe ao soldado ou na praza da Liberdade, a maleza presente na estatua dos heroes de Ponte Sampaio, a ausencia das galiñas diante do mercado ou a falta dunha man de Valle Inclán.
"Dende logo non parece que esta sexa a imaxe máis axeitada para vender a nosa cidade. Cantas fotografías circulan polo Estado e polo mundo da escultura danada de Valle Inclán? É unha auténtica mágoa", denuncia Tino Fernández
Os socialistas no seu escrito reclaman unha actuación inmediata para recuperar o patrimonio, polo que debe dar "instrucións inmediatas" para arranxar esta situación "intolerable", que mostra, segundo Fernández, "o esgotamento dun goberno que xa non mira pola cidade senón só pola súa supervivencia política".
Relacionadas:
-
A escultura de Valle Inclán está sen mans nin bastón e agora tamén torcida
Por Oskar Viéitez & Diego Torrado |
-
Os socialistas reclaman ao goberno local que pague a "débeda histórica co rural"
Por Oskar Viéitez |
-
Pontevedra e Cuba reeditan a súa irmandade cunha nova escultura a José Martí
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |