Pontevedra e Cuba reeditan a súa irmandade cunha nova escultura a José Martí
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
Pontevedra e Cuba reeditaron este luns a súa irmandade e afianzado os lazos que as unen. Foi a través da inauguración do novo conxunto escultórico instalado na praza José Martí en honra a este líder cubano, unha homenaxe que xa existía en forma de busto, pero que se retirou con motivo das obras de reforma da rúa. Agora volveron a instalalo, pero cunha estrutura moito máis elaborada que engade unha plancha de pedra coa bandeira cubana e o poema 'La rosa blanca'.
A inauguración tivo lugar este luns nesta praza situada no barrio de Santa Clara e dedicada ao escritor, poeta, filósofo e pensador cubano, nun acto que contou coa presenza do cónsul xeral de Cuba en Galicia, José Antonio Solaina, e o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores e estivo amenizado polo trío Campos, Costa e Churruca.
O grupo musical puxo o acento cubano e galego a un acto no que o irmandamento veu tamén a través das cancións e a interpretación dos himnos de Cuba e Galicia e no que non faltou tampouco a nota discordante. Puxérona un grupo de funcionarios da Policía Local de Pontevedra, que trasladaron a Santa Clara as pitadas e pancartas coas que levan en loita contra o Concello desde hai semanas.
O cónsul xeral de Cuba en Galicia insistiu en que para o seu país é "un altisimo honor" a reinstalación deste monumento que magnifica a memoria do heroe nacional cubano José Martí, do que destaca que foi "instigador de nuestras luchas llibertarias" e "el más universal de los cubanos", un home que abarcou desde a literatura, a poesía, a filosofía e a política e, como combatente, caeu loitando pola independencia de Cuba.
"En nombre de nuestro pueblo, de mi gobierno, de nuestro consulado, nuestro más sincero y sentido agradecimiento. En Cuba ustedes tienen un pueblo hermano". concluíu o representante do goberno cubano.
O alcalde deu o segundo discurso do acto, no que destacou que José Martí ten "unha biografia de liberdade e paixón pola súa patria" e que este novo conxunto escultórico está situado en pleno corazón da cidade, no acceso ao centro histórico e a poucos metros dle Museo de Pontevedra.
Insistiu en que en Pontevedra "queremos a José Martí como queremos a Castelao, como queremos a todos os liberadores do mundo" porque "non hai nada tan cruel na vida como a opresión, a dominación dunha cultura abafante sobre outra menos numerosa" e concluíu cun sonoro "Viva Cuba libre, viva José Martí".