Colectivos ciclistas reclamarán unha "gran vía verde" entre Pontevedra e Vigo
Por Redacción
O cambio de Goberno en Madrid e a substitución na cúpula de Adif abren a porta a que Fomento reformule a súa negativa a desafectar o tramo ferroviario en desuso entre Pontevedra e Ponte Sampaio. Esta medida permitiría, segundo diversos colectivos ciclistas e veciñais, crear unha "gran vía verde" entre as cidades de Pontevedra e Vigo.
Por iso, aproveitando a celebración da Semana Europea da Mobilidade, as asociacións ciclistas Pedaladas e A Golpe de Pedal, xunto coa asociación Salinas do Ulló, convocaron unha nova marcha reivindicativa que terá lugar o próximo 16 de setembro.
O obxectivo é reclamar que se habilite esta vía verde aproveitando as vías do tren, os camiños xa existentes e estradas secundarias.
Esta petición irá dirixida aos concellos de Pontevedra, Vilaboa, Soutomaior, Redondela e Vigo, á Deputación de Pontevedra, á Xunta de Galicia, a Adif e aos ministerios de Fomento e Transición Ecolóxica.
O tramo "fundamental" a pelexar, segundo estes colectivos, é o que une Pontevedra e Arcade, xa que o situado entre Redondela e Vigo xa está cedido aos dous concellos e, nestes momentos, está a redactarse o proxecto de vía verde.
Así, todos os participantes reuniranse ás 11.30 horas en Arcade. Os mobilizados por Pedaladas protagonizarán unha ruta en bicicleta de montaña que sairá de Pontevedra ás dez da mañá, mentres que a asociación A Golpe de Pedal sairá ás nove da mañá de Vigo. Para ambas rutas fai falta inscrición previa.
Pola súa banda, a asociación Salinas do Ulló de Vilaboa fará unha ruta a pé polas vías do tren entre Arcade e Figueirido, que partirá ao remate da concentración.
Relacionadas:
-
Pedaladas quere que Ence abra unha vía de servizo para acceso de camións na PO-11 entre Marín e Pontevedra
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Pedaladas quéixase de que o informe de mobilidade non ofrece facilidades para os ciclistas
Por Redacción |
-
Domingo de mobilización pola creación dunha vía verde entre Pontevedra e Vigo
Por Redacción & Diego Torrado |
-
O BNG propón que a Xunta lidere a construción da vía verde entre Pontevedra e Vigo
Por Redacción |
-
A presenza galega en ADIF que podería desatascar varios proxectos en Pontevedra
Por Alejandro Espiño |
-
Galicia pedirá a Fomento unha vía verde no treito ferroviario en desuso entre Pontevedra e Arcade
Por Redacción |
-
O BNG leva ao Parlamento a vía verde entre Pontevedra e Arcade
Por Redacción |