Os viños de Rías Baixas manteñen a súa aposta pola internacionalización con 103 adegas vendendo ao exterior
Por Redacción
Unha trintena de adegas da Denominación de Orixe Rías Baixas participaron este venres nunha xornada sobre mercados exteriores celebrada no Pazo de Mugartegui.
As dúas directoras de contas de Gregory+Vine, Natasja Mallory e Trish Heywood, presentaron os resultados da campaña de promoción en Estados Unidos, así como o avance de actividades previstas para os próximos meses. Pola súa banda, o director xeral do Observatorio Español do Mercado do Viño, Rafael del Rey, falou sobre "Evolución e tendencias dos mercados do viño. O viño branco de calidade".
Na actualidade, das 184 adegas adscritas a esta denominación 103 atópanse xa en plans de exportación, máis dun 56%. Destas, unhas 50 exportan os seus viños a Estados Unidos, principal mercado internacional para os viños de Rías Baixas con 2.468.535,50 litros en 2017.
"A xeración X e os millenials, público ao que nos diriximos, arroxan unha perspectiva positiva do mercado de Estados Unidos para os próximos 10 anos, xa que son eles os que substituirán aos baby boomers no consumo de viños. Ademais, conforman un público disposto a gastar máis por un viño de calidade e a probar elaboracións novas", explicou Natasja Mallory.
Desde Gregory+Vine destacaron os positivos resultados derivados da campaña 2017-2018, tamén reflectidos nas cifras de exportación, que creceron respecto ao período anterior. Ademais de aumentar a súa presenza en medios de comunicación, a promoción dos Rías Baixas tamén se viu incrementada a través das distintas plataformas dixitais especializadas en viños. Unhas accións que se reflectiron nun incremento no número de visitantes á web www.riasbaixaswines.com, á que se suma contido de forma regular. Todo iso reforzado polas mensaxes e as interaccións en redes sociais a través dos perfís de Facebook e Twitter.
"A xeración X e os millenials, público ao que nos diriximos, arroxan unha perspectiva positiva do mercado de Estados Unidos para os próximos 10 anos"
A estratexia dixital seguirase mantendo para os próximos meses, con novas incorporacións co desenvolvemento dun perfil específico en Instagram, así como certas novidades dentro da propia páxina web, xa que resulta unha ferramenta fundamental de promoción das adegas e das súas elaboracións. Paralelamente, continuarán as colaboracións cos portais dixitais especializados en viños, ademais do desenvolvemento de accións promocionais en cidades como Nova York, Boston, Los Ángeles, Washington, Miami ou Houston, entre outras.
É unha completa estratexia baseada en tres mensaxes. Aos eslóganes O viño branco por esencia -xa incorporado en 2017- e Atopa o Camiño a Rías Baixas súmase este ano co O viño de clase mundial-Albariño Rías Baixas, un apelativo baseado "na descrición que fan os prescritores dos viños de Rías Baixas", indicou Mallory.
CHARLA SOBRE O MERCADO DA EXPORTACIÓN
Tras a exposición de Gregory+Vine, Rafael del Rey realizou unha radiografía da situación actual das exportacións españolas, cuxo valor sobe. Centrou parte da súa exposición en Galicia, que actualmente ocupa o décimo segundo lugar en volume e o décimo terceiro en valor do conxunto das comunidades autónomas.
Os viños galegos xa exportan en valor un 41,5% a Estados Unidos e Reino Unido
Os viños galegos xa exportan en valor un 41,5% a Estados Unidos e Reino Unido, e se lle engadimos China a cifra xa sobe ao 50 %. Este dato constata que os prezos medios dos viños galegos atópanse por encima dos prezos medios do viño en España. De feito, segundo engadiu o director do OEMV, as tres primeiras comunidades por valor na categoría de viños brancos envasados son: Castela e León, Cataluña e Galicia.
Neste sentido, destacou a recuperación do mercado británico desde 2016. O crecemento de Estados Unidos e Alemaña desde 2014, a forte progresión dos Países Baixos e a estabilidade de Xapón. Unhas tendencias de mercado que se poden ver nas cifras de exportación da D.O. Rías Baixas, así como nos seus plans promocionais deste ano que son oito, concretamente en Estados Unidos, Reino Unido, Alemaña, Irlanda, Países Baixos, Xapón, México e Polonia, así como accións puntuais noutros países como son Suíza e Canadá, ou a participación en feiras internacionais Hong Kong e Singapur.
Rafael del Río falou tamén sobre os retos do futuro, entre os que se atopan a polarización dos mercados e a conquista de novos mercados. "Para isto último resulta fundamental a promoción e a captación de distribuidores", afirmou.
Concluíu a súa intervención destacando a importancia de mostrar o territorio aos distintos públicos estranxeiros, tanto profesional como xeral, para continuar incrementando as vendas dos viños nun mercado moi competitivo. Neste sentido, puxo de relevo a importancia de ofrecer actividades en torno ao mundo do viño. "Un mellor aproveitamento do enoturismo non só beneficia á imaxe de marca, senón tamén á venda de viños", concluíu o director xeral do OeMv, quen animou ás adegas para apostar por este tipo de accións.
Relacionadas:
-
Os viños de Rías Baixas, os segundos máis vendidos entre os brancos con denominación de orixe
Por Oskar Viéitez |
-
A Festa do Albariño chega disposta a saciar a sede durante a vaga de calor deste inicio de agosto
Por Redacción |
-
O mildeu causa elevadísimos danos nas viñas por defoliación e acios secos
Por Redacción |
-
A Praza da Pedreira fai "chinchín"
Por Redacción |
-
O cambio climático beneficia o viño das Rías Baixas
Por Oskar Viéitez & Paula Sanmartín |