O mildeu causa elevadísimos danos nas viñas por defoliación e acios secos
Por Redacción
A Estación Fitopatolóxica de Areeiro (EFA), centro dependente da Deputación de Pontevedra, vén asegurar no seu aviso fitopatolóxico desta semana que o nivel de danos nas viñas por defoliacións e acios secos a causa do Mildeu é xa "elevadísimo".
De feito, o persoal técnico apunta que o número de esporas do fungo nas plantas triplicouse dende a semana pasada e, dado que o nivel de risco de infección é moi alto, aconsella manter unha boa vixilancia e non dubidar en renovar os tratamentos mollando ben as plantas.
Segundo apunta a técnica Rosa Pérez, en canto á fenolixía, nos últimos días volveuse observar unha evolución das viñas, xa que a práctica totalidade ten a uva tamaño chícharo, o que supón unha ou dúas semanas de retraso fronte á fenoloxía de 2017 - adiantada de xeito similar á de 2015 e 2014- e un adianto lixeiro fronte ao acontecido na campaña 2016.
Con respecto ao Mildeu, unha semana máis houbo condicións que continuaron sendo favorables á esporulación do fungo e ás infeccións secundarias, que provocaron un novo pico no volume de esporanxios que recolleu o captador situado entre as plantas testemuña da finca de Areeiro. Se na semana anterior se detectou un valor máximo de 1.112 esporanxios por metro cúbico o día 25 de xuño, nesta semana o día 1 ese valor case se triplicou, chegando aos 3.040 esporanxios por metro cúbico.
Por outra banda, en canto ás plantas e parcelas tratadas, no percorrido da rede de seguimento detectouse que o Mildeu está practicamente presente en todas independentemente da estratexia de intervención, do tempo transcorrido desde a última aplicación, e do tipo de funxicida utilizado tanto no último tratamento como nos anteriores.