Preocupación nos mandos da Garda Civil ante o repunte de alixos de heroína nas Rías Baixas
Por Paula Sanmartín & Anxo Lourido
A comandancia da Garda Civil de Pontevedra acollía este mércores a celebración do 174 aniversario da fundación da Garda Civil. A subdelegada do Goberno, Ana Ortiz, presidía o acto acompañada polo coronel xefe da comandancia, Jorge González, e polo alcalde de Poio, Luciano Sobral.
Jorge González mostraba, tras a celebración, a súa preocupación polo repunte de heroína que se detecta nas operacións de narcotráfico no litoral galego. O coronel xefe indicaba que na intervención realizada estes últimos días en Sanxenxo e Cambados con seis detidos resultaba sorprendente a incautación de sete quilos de heroína e vinte de material de corte co que a rede adulteraba a substancia psicotrópica, co obxectivo de multiplicar esa cantidade de droga no mercado.
"Me ha llamado la atención que esa droga tan perjudicial para el ser humano haya vuelto a darse", indicaba o máximo responsable da comandancia, que apuntou que a cantidade é moi importante para tratarse de heroína.
Afirmou que a operación continúa aberta despois dun longo traballo desenvolvido polos axentes de Vixilancia Aduaneira, da Policía Nacional e da propia Garda Civil e non descartou que levasen a cabo novas detencións xa que estas intervencións son os "primeiros froitos" da operación.
ACTO DE ANIVERSARIO
Durante o acto do aniversario da fundación da Garda Civil, que data do ano 1844, impuxéronse 21 condecoracións. No discurso, Ana Ortiz, quixo transmitir o seu respecto e admiración persoal, que facía extensivo a toda a sociedade española e á da provincia. Destacou o traballo que realizan os axentes do Corpo só a cambio de gratitude.
A subdelegada referiuse á taxa de criminalidade na provincia apuntando que descendeu este trimestre no medio punto situándose en 27,9 infraccións penais por cada mil habitantes. A cifra atópase por baixo da media en todo o Estado.
A este evento, entre outras autoridades, tamén asistiron o presidente da Audiencia Provincial, Francisco Javier Menéndez, e o fiscal xefe Juan Carlos Aladro.
Relacionadas:
-
Máis persoal no cuartel da Garda Civil de Sanxenxo durante o verán
Por Redacción |
-
Cae unha rede que distribuía en Galicia e Portugal heroína que transportaban desde Holanda
Por Redacción |
-
Seis detidos e incautados sete quilos de heroína noutra operación contra o narcotráfico en Cambados y Sanxenxo
Por Oskar Viéitez |
-
Desactivan un importante punto de distribución de heroína e cocaína no Morrazo
Por Redacción |
-
VIDEO.- Atopan máis de 32 quilos de heroína nun chalet de Vilagarcía
Por Redacción |