Desactivan un importante punto de distribución de heroína e cocaína no Morrazo
Por Redacción
A colaboración cidadá foi fundamental para que a Policía Nacional lograra desactivar un importante punto de distribución de drogas na zona de Marín e outras zonas do Morrazo e deter a sete dos seus presuntos responsables, entre eles os xefes dunha organización que se dedicaba á distribución de heroína e cocaína.
A operación desenvolvérona axentes do grupo de tráfico medio de estupefacientes da Comisaría da Policía Nacional de Pontevedra e do grupo operativo local da Comisaría de Marín entre o mes de febreiro e este mércores 9 de maio.
A colaboración cidadá e varias actuacións de dotacións policiais da Comisaría de Policía de Marín puxeron aos axentes investigadores tras a pista das actividades dunha parella con domicilio nas inmediacións de Marín. Segundo as informacións iniciais que chegaron aos investigadores, tiñan como única actividade a distribución de cocaína e heroína a mediana escala na zona de Marín e Bueu.
Os axentes policiais iniciaron un dispositivo de vixilancia na zona e incautaron nun primeiro momento pequenas cantidades de substancias estupefacientes a diferentes compradores. Unha vez xudicializada a investigación, os axentes policiais marcáronse como obxectivo tratar de pescudar cal era a orixe da droga que finalmente se distribuía a outros lugares do Morrazo, todo previo acordo coa Fiscalía Antidroga de Pontevedra e o Xulgado de Instrución número dous de Marín.
Tras dous meses de investigación os axentes policiais solicitaron todos os indicios e lograron identificar a todos os participantes neste grupo criminal, desde o distribuidor principal da droga, un home de Cambados con antecedentes policiais por tráfico de drogas, pasando polos distribuidores intermedios, a citada parella, ambos con antecedentes por tráfico de drogas.
Ademais, detectouse que un cabeza de familia con domicilio en Marín finalmente distribuía as doses de substancia estupefaciente "polo miúdo" entre os consumidores finais.
Os axentes policiais estableceron un dispositivo de vixilancia permanente sobre os investigados que culminou coa detención de dous mentres circulaban no seu vehículo tras acudir a Cambados a adquirir máis cantidade de substancia estupefaciente, intervíndose no seu poder un total de 160 gramos de cocaína e heroína ocultos no vehículo.
Esas primeiras detencións precipitaron o resto da actuación policial, que culminou coa detención dun total de sete persoas e a realización de tres rexistros domiciliarios, dous en Marín e un en Cambados.
Nos rexistros domiciliarios interviñéronse outros 400 gramos de heroína, máis de 100 gramos de cocaína, pequenas cantidades doutras substancias estupefacientes, máis de 50.000 euros en efectivo procedente das vendas de substancias estupefacientes, varias armas curtas simuladas pero con aparencia totalmente real, así como tamén multitude de útiles para a manipulación e adulteración das substancias estupefacientes. O total de doses retiradas do mercado serían 5.000 de heroína e 1.200 de cocaína.
Unha vez finalizadas as dilixencias policiais, este venres catro dos detidos foron postos a disposición xudicial e o xuíz decretou o ingreso en prisión dos dous principais investigados, o distribuidor de Cambados e o distribuidor da zona de Marín.