Cae unha rede que distribuía en Galicia e Portugal heroína que transportaban desde Holanda
Por Redacción
Unha operación conxunta da Garda Civil, a Axencia Tributaria, a Policía Nacional e a Policía Judiciaria de Portugal permitiu desarticular unha rede de narcotráfico, asentada na comarca do Salnés, que distribuía en España e Portugal grandes cantidades de heroína que transportaban desde Holanda.
Segundo informou o instituto armado, a operación denominada "Espeto" supuxo a detención de seis persoas, entre os días 12 e 15 de maio, que os investigadores consideran que formaban a totalidade dos integrantes desta organización criminal.
Tres dos detidos ingresaron en prisión provisional tras declarar ante o titular do xulgado de instrución número 3 de Cambados.
A Garda Civil considera que esta organización era "especialmente activa" e estaba dedicada á distribución de importantes cantidades de heroína en Galicia, varias provincias limítrofes e Portugal.
As primeiras detencións realizadas no marco deste dispositivo conxunto realizáronse o 12 de maio, ao sorprender a dous membros desta organización con sete quilos de heroína e 20 quilos de substancia de corte, material que transportaban oculto no interior dun habitáculo do coche no que viaxaban desde Holanda.
A droga, que tiña como destino a zona de Arousa, fora transportadas utilizando un "sofisticado" sistema de ocultación tipo "caleta", o cal facía que a presenza das mesmas fora "practicamente indetectable", segundo a Garda Civil.
Nos días posteriores, procedeuse de forma graduada á detención do resto de integrantes da organización criminal investigada, entre eles, ao xefe da mesma; e realizáronse rexistros nos dous dos domicilios dos detidos.
Neles, explica a Garda Civil, incautouse máis dun quilogramo de substancia de corte, similar á intervida no vehículo, diversas cantidades de diñeiro en efectivo e útiles para a adulteración da droga, ademais dunha arma longa e unha arma curta, o que demostra o "perigo" dos membros da organización.