"Madrugas, Pedro?", unha nova ruta que segue as pegadas de Pedro Álvarez de Sotomayor
Por Oskar Viéitez
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, anunciou este xoves a posta en marcha dunha nova ruta para coñecer o patrimonio histórico das Rías Baixas e desestacionalizar o turismo: a ruta de Pedro Madruga.
A nova ruta "Madrugas, Pedro?" encaixa co eixo da campaña de promoción do destino Rías Baixas "Somos historias" para dar a coñecer que a provincia de Pontevedra permite vivir moitas historias, neste caso, relacionadas co "patrimonio fortificado".
A ruta percorre fortificacións e os seus restos dos concellos de Soutomaior (O Castelo), Crecente (Torre de Fornelos), Mondariz (Castelo de Sobroso), Salvaterra de Miño (O Castelo), Tui (O casco vello), Baiona (A Fortaleza de Monte Boi), Vigo (O casco vello), Sanxenxo (A Toore da Lanzada) e Cambados (Torre de San Sadurniño), todos eles visitables e con acceso durante os 365 días do ano, nos que Pedro Madruga e a familia Sotomayor deixaron a súa pegada.
Carmela Silva recordou que a orixe do alcume de Pedro Madruga para Pedro Álvarez de Sotomayor "vén dada polas loitas que mantivo co conde de Ribadavia polos límites de xurisdición, que os levou a acreditar ante notario que resolverían esta cuestión saíndo ambos a cabalo dos seus respectivos castelos cando cantase o galo, establecendo o linde definitivo no lugar no que se atopasen. O que aconteceu, segundo as lendas, é que Pedro conseguiu adestrar un galo para que cantase cando batese as palmas e fíxoo cantar durante a noite, de modo que ao amencer xa estaba en Ribadavia onde o seu conde, ao avistalo, díxolle "Madrugas, Pedro!" e de aí quedou o de Pedro Madruga".
A presidenta da Deputación de Pontevedra informou que a nova ruta de Pedro Madruga formará parte das campañas de promoción turística da Deputación de Pontevedra, distribuíndose folletos a través das oficinas de turismo así como un vídeo divulgativo, que tamén estará dispoñible nas webs institucionais e redes sociais, con todas as fortificacións que integran a ruta.
Relacionadas:
-
Xornadas de portas abertas para gozar en maio da musealización do castelo de Soutomaior
Por Oskar Viéitez |
-
A Deputación promociona os recursos patrimoniais de Pontevedra ante o público portugués
Por Redacción |
-
A Deputación organiza as rutas gratuítas "Camelias e xardíns históricos"
Por Oskar Viéitez |
-
A Deputación de Pontevedra traballa na recuperación dunha pantasma
Por Redacción |
-
O patrimonio será eixo da promoción das Rías Baixas en Fitur
Por Oskar Viéitez |