Xulgan un home da Estrada acusado de tratar de queimar vivo o seu pai
Por Redacción
Doce anos de internamento nun centro psiquiátrico. É a petición de condena da Fiscalía para un home da Estrada que tentou matar o seu pai prendendo lume á habitación na que este se atopaba.
O xuízo contra el celebrarase o vindeiro martes 10 de abril na sección segunda da Audiencia de Pontevedra.
Os feitos que se xulgarán sucederon nunha vivenda da localidade o 19 de febreiro de 2017.
O fiscal relata que o acusado, sabendo que o seu pai atopábase encerrado na súa habitación, vaciou unha garrafa de gasolina na porta e prendeulle lume.
A habitación comezou a encherse de fume, pero o home puido saír dela tras ser auxiliado pola súa muller, conseguindo abrir a porta e saír ao exterior da vivenda sen sufrir lesión algunha.
Unha vez fóra do domicilio familiar, o acusado arremeteu contra o seu pai ao berro de "estás vivo cabrón", segundo manifesta o representante do ministerio fiscal, empuxándoo e tirándoo contra o chan.
O acusado, engade o fiscal, padece un trastorno de personalidade esquizotípico e no momento dos feitos sufría unha psicose reactiva breve "que anulou a súa capacidade de distinguir o que estaba ben do que estaba mal" e actuar conforme a esa comprensión.
A Fiscalía cualifica estes feitos dun delito de asasinato en grao de tentativa, no que concorre a eximente completa de trastorno mental transitorio.
Durante os doce anos que o fiscal solicita que pase internado nun centro psiquiátrico, o acusado tería que someterse a un tratamento médico pola súa enfermidade.
Ademais, polas lesións que lle causou ao seu pai cando o tirou ao chan, o fiscal solicita unha medida de dous meses de liberdade vixiada, coa obrigación de seguir un tratamento médico periódico e coa prohibición de achegarse ou comunicarse co seu proxenitor.