A veciñanza acepta a reforma da Caeira, que mantén o dobre sentido de circulación
Por Redacción
Os veciños das rúas Mato Calderón, Pernas Pena e Praza Riestra asistiron este venres aínda atopo organizado polo Concello de Poio para coñecer o anteproxecto previsto para esta zona de entrada á urbanización da Caeira. O portavoz deste colectivo de afectados Sergio Pereira considera que este documento recolle as demandas expostas pola veciñanza.
"O tempo deunos a razón e demostrouse que as nosas propostas eran viables e razoadas", indicaba o portavoz da Plataforma San Salvador. Nesta proposta figura que se manteña o dobre sentido de circulación, principal demanda dos residentes. Ademais contémplanse beirarrúas a ambos os dous lados, un tramo de plataforma única con preferencia para peóns e a mellora de todas as dotacións nesta zona. Segundo Pereira, os veciños están ao 100% de acordo co anteproxecto.
A plataforma ten previsto presentar novas propostas atendendo ás demandas dos veciños. Entre elas, está previsto solicitar o acondicionamento da contorna do campo de fútbol da Barca, a mellora da accesibilidade na avenida Andurique, a construción dun parque infantil na zona de Porteliña e a eliminación de obstáculos que existen nas beirarrúas de toda a parroquia e que dificultan o acceso de persoas con mobilidade reducida.