Os veciños entregan 1.034 firmas contra o cambio de tráfico proxectado na Caeira
Por Oskar Viéitez
O colectivo contra o actual proxecto de humanización da Caeira entregou este venres no rexistro do Concello de Poio 1.034 recollidas presencialmente e 637 apoios a través da plataforma web change.org rexeitando os cambios no tráfico propostos polo Goberno Local.
A iniciativa exposta polo Concello propón crear un único carril de sentido de subida para poder ampliar as beirarrúas nas dúas marxes das rúas Pernas Peña e Mato Calderón.
Entre outros argumentos os veciños contrarios a este proxecto consideran que o que fará o Concello é trasladar os atascos da rotonda da ponte da Barca á rotonda da avenida de Andurique, que é onde desembocaría todo o tráfico de saída da Caeira.
O alcalde de Poio, Luciano Sobral, saudou aos veciños cando acudiron ao rexistro municipal a entregar as firmas e anuncioulles que estará xunto aos concelleiros de Obras e Urbanismo, Chelo Bicada e Gregorio Agís, nun encontro con todos os afectados na Casa Rosada a partir das 19 horas deste venres para estudar a mellor solución posible a este plan de humanización.
VIARIO ALTERNATIVO
Sergio Pereira, portavoz deste colectivo veciñal da Caeira puntualizou que na asemblea propoñerán "replantear" a humanización para que non sexa exclusiva destas dúas rúas illadas e que se estenda tamén a outras como a Avenida de Andurique, Camiño As Bocas, de Rúa Anafáns, de Camiño Coruxas, de Rúa Cabanas, da Praza da Igrexa e outras tantas máis e que se deseñe unha "reordenación integral de tráfico".
Outra das ideas que propoñerán ao concello é a creación dun "vial alternativo que permita descongestionar A Caeira". É dicir, a construción dunha estrada que atravese o poboado do Vao e que levaría aparellada a reurbanización desta contorna marxinal. Trátase dun vello proxecto presentado polo conselleiro de Política Territorial con Manuel Fraga, Xosé Cuíña, e que o Goberno Local de Poio considera debería retomarse coa remodelación do nó de Bombeiros.
"Sabemos que es un proyecto muy ambicioso y a medio plazo por eso nosotros a corto plazo planteamos que se amplíen las aceras al mínimo establecido 0,90 y conservar los dos carriles de circulación", apuntou Sergio Pereira.
"Esperamos un debate constructivo y que se plantee una alternativa viable", desexou este portavoz.
Relacionadas:
-
A veciñanza acepta a reforma da Caeira, que mantén o dobre sentido de circulación
Por Redacción |
-
O goberno local de Poio renuncia ao carril único na Caeira
Por Oskar Viéitez |
-
A Plataforma de Veciños de San Salvador de Poio suma 1.600 apoios contra o carril único da Caeira
Por Redacción |
-
A Plataforma de San Salvador solicita a Poio a instalación de medidores de tráfico
Por Oskar Viéitez |
-
Sobral espera licitar o proxecto de humanización da Caeira no primero trimestre do 2018
Por Oskar Viéitez |
-
Veciños de San Salvador ameazan con manifestarse se o Concello decide pechar un carril na Caeira
Por Redacción |
-
Campaña veciñal de recollida de firmas para evitar a dirección única na subida da Caeira
Por Oskar Viéitez |