O goberno local de Poio renuncia ao carril único na Caeira
Por Oskar Viéitez
O goberno local de Poio, formado por BNG e PSOE, renuncia ao carril único que incluía o deseño que proxectara para as rúas Pernas Pena e Mato Calderón, da Caeira.
A oposición expresada polos afectados provocou que o Concello ceda nos seus plans iniciais e que expoña outro tipo de humanización mantendo o dobre sentido de circulación.
A nova proposta será presentada aos veciños nunha nova reunión.
Como avance, o Concello adiantou que ampliará as beirarrúas á conta de recortar medio metro no ancho de cada un dos dous carrís (a calzada quedará en 2,75 metros). Esta medida permitirá que unha das beirarrúas manteña un ancho continuo de dous metros.
Ante a falta de espazo para construír beirarrúas na zona da rotonda habilitarase unha plataforma única onde se marcará a prioridade peonil.
REACCIÓN DA PLATAFORMA
Desde a plataforma de afectados de San Salvador emitiron un comunicado dando as grazas aos veciños por apoiar as súas propostas. "Estamos enormemente agradecidos de que os veciños confiasen en nós para canalizar as reivindicacións", expresa o portavoz deste colectivo, Sergio Pereira.
"A proposta que anunciou o Concello de Poio combina as dúas propostas presentadas pola plataforma; nunha zona a ampliación de beirarrúas e noutra a instalación de beirarrúa única. Sempre que se humanice a zona e consérvese o dobre carril de circulación nós apoiaremos este proxecto. Isto demostra que as propostas da plataforma eran viables e seguras", afirmou o portavoz da plataforma.
Desde a Plataforma destacan que lles sorprendía a postura do "non polo non" que tiña tanto a proposta de ampliación de beirarrúas como a de plataforma única e bordo iluminado exterior fosen refugadas en todo momento polo Concello de Poio "xa que foi este equipo de goberno o que realizou este formato noutras zonas do municipio e mesmo, a día de hoxe, están a estudar realizar tramos de plataforma única, por exemplo nas futuras beirarrúas de Campelo".
"O Concello de Poio tivo que acabar dando a razón á plataforma e todo isto é grazas á forte presión veciñal que se realizou", indica Sergio Pereira.
Finalmente esta plataforma anuncia a súa continuidade, asumindo o encargo feito na asemblea aberta celebrada cos veciños este mes de xaneiro. Agora tratarán de canalizar as demandas dos veciños de San Salvador, entre outros, a humanización das rúas da parroquia e tamén o alivio dos atascos que se producen en San Salvador.
"Somos a parroquia máis poboada do Concello e, ao noso xuízo, a máis abandonada e tentaremos que este trato por parte do Concello de Poio cambie", conclúe este portavoz.
FELICITACIÓNS DO PP
O PP felicitou á Plataforma de Afectados da Caeira tras a rectificación do Bipartito. Os populares agradecen a "actitude construtiva" dos afectados e felicitan aos veciños pola súa capacidade de mobilización "que obrigou a recuar ao goberno".
A concelleira Rocío Cochón recorda que o PP sempre supeditou calquera cambio na circulación ao acordo dos afectados e reivindicou a necesidade de humanizar A Caeira "e todo San Salvador".
Relacionadas:
-
A veciñanza acepta a reforma da Caeira, que mantén o dobre sentido de circulación
Por Redacción |
-
A Plataforma de San Salvador dálle o OK ao anteproxecto da Caeira
Por Oskar Viéitez |
-
A Plataforma de Veciños de San Salvador de Poio suma 1.600 apoios contra o carril único da Caeira
Por Redacción |
-
A Plataforma de San Salvador solicita a Poio a instalación de medidores de tráfico
Por Oskar Viéitez |
-
Sobral espera licitar o proxecto de humanización da Caeira no primero trimestre do 2018
Por Oskar Viéitez |
-
Os veciños entregan 1.034 firmas contra o cambio de tráfico proxectado na Caeira
Por Oskar Viéitez |
-
Veciños de San Salvador ameazan con manifestarse se o Concello decide pechar un carril na Caeira
Por Redacción |