Melloras urbanísticas na zona de Mogor de cara á Semana Santa
Por Sara López Lago
Nas áreas viarias da parroquia de Mogor están a realizarse labores de acondicionamento. A Concellería de Urbanismo de Marín está levando a cabo estas actuacións para mellorar a calidade da contorna en vistas da chegada da Semana Santa, unha época na que se produce unha notable afluencia turística.
Na mañá deste mércores, a alcaldesa de Marín, María Ramallo, e a concelleira Cristina Acuña, achegáronse a visitar varios dos puntos onde se están realizando as obras. Visitaron unha das tarefas xa rematadas, levada a cabo a petición da asociación de veciños de Mogor.
Trátase dun formigonado na zona do Lugar de Outeiro, que supón unha mellora considerable das condicións do que era un camiño de terra que daba acceso ás vivendas anexas.
Grazas á obra, conseguiuse unha planicie con maior amplitude que permitirá estacionar os vehículos e colocar uns bloques como delimitación do perímetro, acción que aínda está pendente de executarse. Así mesmo están a efectuarse outras tarefas de formigonado nas zonas da Areosa e do Camiño do Regueiro.