Marín prepárase, baixo a chuvia, para as visitas de Semana Santa
Por Redacción
Coa vista posta na Semana Santa e coa esperanza de que as condicións meteorolóxicas varíen nas próximas datas, o Concello de Marín decidiu iniciar unha campaña de limpeza e de arranxos de espazos de habitual presenza turística dentro do municipio.
Iniciáronse as obras de rehabilitación da pasarela de madeira da praia de Mogor e a substitución da varanda de madeira desde o paseo dos magnolios da praia de Portocelo ata a praia de Mogor.
Dentro do plan de preparación das instalacións, tamén se acomete a limpeza e o chorreo das infraestruturas situadas na contorna das praias, coa roza e posta a punto do viario que leva aos areais.
No Parque de Briz e noutros puntos de atractivo turístico da vila instalarase unha caseta de turismo para atender os visitantes que se acheguen durante as vacacións de Semana Santa.
Desde o Concello de Marín lembran que o Centro de Interpretación de Petróglifos admite visitas durante todo o ano. As visitas guiadas para grupos, destinadas a colectivos de máis de 10 persoas, pódense concertar a través do correo petroglifos.mogor@gmail.com ou no teléfono 647 368 939 (de martes a xoves, de 11.00 a 13.00 e de 17.00 a 19.00 horas). As visitas de grupo son gratuítas. Os petróglifos situados na zona externa pódense visitar tamén de maneira libre en calquera época do ano.
O Museo Manuel Torres tamén acollerá durante todo este mes de marzo unha exposición dedicada ao pintor marinense que dá nome a este centro cultural.