Segundo día de procura por terra e mar do cadáver avistado en Canelas
Por Natalia Puga
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Varias embarcacións do servizo marítimo da Garda Civil e de Salvamento Marítimo retomaron á primeira hora da mañá deste luns a procura por mar do cadáver supostamente avistado na tarde do domingo por un grupo de surfeiros na praia de Canelas, en Portonovo, Sanxenxo. Os labores de rastrexo prolongáronse ata que caeu a noite sen lograr atopar o corpo.
Un grupo de surfeiros viu o que pareceu un cadáver sobre as 19.30 horas deste domingo e desde ese momento xa se montou un operativo de procura, pero foi necesario suspendelo sobre as 21.30 horas por mor da escasa visibilidade. Este luns, en canto as condicións de luz permitírono, retomáronse.
O operativo centrouse na contorna da praia de Canelas e tamén nunha zona de rocas moi próxima ao illote 'Papa Timóns', pois é a zona na que os sufistas que deron a vorz de alarma viron un corpo flotando na auga. Estaban a uns 300 metros da praia, na auga, e puideron distinguir detalles do suposto cadáver, como a súa forma de vestir.
Os detalles foron facilitados aos integrantes do operativo de procura, que implicou varias patrullas do servizo marítimo da Garda Civil de Pontevedra por mar, entre elas, a río Guadalupe, e tamén efectivos despregados por terra, ata que caeu a noite. Salvamento Marítimo mobilizou a embarcación auxiliar do buque María Pita, a Salvamar Mirach durante toda a mañá e ata primeira hora da tarde
O amplo operativo tamén implicou durante varias horas ao grupo de emerxencias de Sanxenxo e a Policía Local da localidade e a Protección Civil de Bueu.
Os surfeiros viron o vulto sospeitoso nas proximidades da praia de Canelas, aínda que as fortes correntes puideron desprazalo a moita distancia dese areal, de modo que o operativo de procura debe peitear unha zona moi ampla de costa.
Relacionadas:
-
Aparece na praia de Areas o cadáver avistado o domingo por uns surfistas en Canelas
Por Natalia Puga | Creada e actualizada
-
O "susto" de saír surfear un domingo pola tarde e "practicamente chocar" cun cadáver
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Rastrexan a costa de Canelas tras a alerta duns surfeiros por un posible cadáver
Por Natalia Puga & Alejandro Espiño | Creada e actualizada