A Universidade de Salzburgo, interesada en diagnosticar a evolución ambiental de Pontevedra
Por Redacción
Pontevedra está a un paso de sumarse a dúas localidades austríacas e tres suecas para participar nun proxecto dirixido pola Universidade de Salzburgo. O obxectivo do estudo é diagnosticar a evolución ambiental pasada, presente e futura destas cidades.
Esta posibilidade foi avaliada nunha reunión mantida pola concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías, co investigador da Universidade de Salzburgo, Gyula Kothencz, do departamento de información xeográfica. Á xuntanza, que tivo lugar na sede do Salzburg Global Seminary, asistiu tamén o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores.
Este departamento dirixiuse hai meses ao concello para sondear a participación da cidade nunha investigación europea relativa aos recursos naturais do espazo urbano e arredores, como árbores, bosques, ríos e vexetación de ribeira, entre outros, tanto estritamente naturais como de uso público para ocio e goce da cidadanía.
Aquel proxecto non chegou a converterse en realidade pola falta de financiamento, pero o profesor Kothencz suxeriu que o caso pontevedrés resultaría moi interesante para o proxecto "Greenario", dedicado a medir a evolución do territorio desde un pasado máis ou menos recente ao presente e como debe evolucionar de cara ao futuro.
"Queremos saber que había antes, que hai agora e que debera haber no futuro de cada unha das cidades estudadas para que o número de árbores, parques, ríos, lagos e calquera outro recurso verde ou azul sume activos de calidade urbana e non reste", explicou.
O compromiso de Pontevedra consistiría en fornecer o estudo dos datos necesarios para realizar un diagnóstico obxectivo da evolución da paisaxe urbana no relativo á súa infraestrutura ambiental.
Relacionadas:
-
Salzburgo estuda o modelo de Pontevedra como "paradigma" de espazos urbanos
Por Redacción |
-
Periodistas europeos visitan a Boa Vila para coñecer o modelo de mobilidade
Por David Arana & Gabriela Varela Asorey |
-
Lores viaxará a Austria para representar a Pontevedra no Salzburg Global Seminar
Por María López Verdial |