Salzburgo estuda o modelo de Pontevedra como "paradigma" de espazos urbanos
Por Redacción
Expertos en cambios globais nos espazos urbanos das cidades situaron a Pontevedra como "paradigma" das cidades do futuro. Foi no transcurso dun seminario que se está a celebrar na cidade austríaca de Salzburgo, onde participou o alcalde de Boa Vila, Miguel Anxo Fernández Lores, para explicar con detalle o modelo urbano pontevedrés.
O seminario, creado por ex alumnos da prestixiosa universidade de Harvard, contou coa presenza dunha trintena de profesionais chegados de Reino Unido, Tailandia, Estados Unidos, Kenia, Xapón, Malawi, Sudáfrica, Canadá, Uganda, Hungría ou Líbano.
O modelo de Pontevedra serviu ao americano Sean Southey, directivo da Unión Internacional de Conservación da Natureza, para considerar que non debe subestimarse o papel das cidades na loita contra o cambio climático, porque "os resultados espectaculares deste exemplo así o demostran" e trátase, dixo, un caso "alentador" que pode inspirar a moitas outras cidades.
"En vez de poñerse a divagar cos seus problemas, en Pontevedra buscáronse solucións", destacou. Algo similar subliñou Andrew Moore, membro da Liga das Cidades, que asegurou que a experiencia pontevedresa "tivo o acerto de considerar o espazo público urbano como área de protección especial".
Un xornalista inglés, Jack Graham, resumiu na súa conta de Twitter a súa impresión tras escoitar a Lores: "Moi inspirador. Se todas as cidades tomaran estas ideas, chegaríamos moito máis lonxe loita contra o cambio climático".
Despois de relatar os distintos aspectos da reforma urbana e a transformación global da cidade considerando que o espazo público é un dereito dos veciños tan importante como a sanidade ou a educación, Lores respondeu a distintas preguntas relacionadas co tema, algunhas delas idénticas ás que suscita normalmente a intervención do alcalde en foros internacionais.
Así, o alcalde respondeu a cuestións como a reacción veciñal ante estes cambios, como se podería trasladar o modelo de Pontevedra a outras cidades do mundo, como foi a implicación do sector privado ou as consecuencias que o novo modelo tivo para a poboación infantil ou para a xentrificación, o proceso de expulsión dos espazos urbanos por razóns económicas.
Sobre esta última cuestión, Lores dixo que en Pontevedra este fenómeno non se daba porque o cambio para o novo modelo abrangue a toda a cidade e non só ao centro. "Se as melloras se estenden por todo o espazo urbano, estase freando ese proceso de revalorización excesiva do centro en relación á periferia que se observa actualmente en moitas cidades", dixo.
O Salzburgo Global Seminar convidou ao alcalde de Pontevedra a expoñer o que consideran unha experiencia de relevancia internacional, que debe servir como pauta para que outras cidades opten por intervir no seu espazo público para favorecer a vida dos futuros habitantes do planeta en cidades máis sas e agradables.
Relacionadas:
-
Pontevedra explica en Cascais que velocidade e calidade urbana son "incompatibles"
Por Redacción |
-
O goberno local continúa o seu labor "evanxelizador" do modelo de cidade
Por Oskar Viéitez |
-
Suecia interésase pola eliminación de tráfico do centro de Pontevedra
Por Anxo Lourido |
-
A Universidade de Salzburgo, interesada en diagnosticar a evolución ambiental de Pontevedra
Por Redacción |
-
Periodistas europeos visitan a Boa Vila para coñecer o modelo de mobilidade
Por David Arana & Gabriela Varela Asorey |
-
Lores viaxará a Austria para representar a Pontevedra no Salzburg Global Seminar
Por María López Verdial |