A Plataforma de San Salvador dálle o OK ao anteproxecto da Caeira
Por Oskar Viéitez
Á Plataforma de San Salvador gustoulle o anteproxecto presentado polo Concello de Poio para reformar varias rúas na Caeira. Nunha reunión convocada este xoves pola Concellería de Obras con esta plataforma, os edís Gregorio Agis e Chelo Besada presentaron a unha representación do colectivo veciñal o anteproxecto deseñado para as rúas Mato Calderón, Pernas Peña e Praza Riestra.
Nun comunicado, a Plataforma de San Salvador sinala que o anteproxecto que lles presentaron "conta coas condicións que nós solicitabamos", é dicir, humanización e dobre sentido de circulación.
O portavoz deste colectivo veciñal, Sergio Pereira, destacou que "o tempo deunos a razón e demostrouse que as nosas propostas eran viables e razoadas", polo que se mostraron "satisfeitos co traballo realizado".
No anteproxecto figura o dobre sentido de circulación, beirarrúas a ambos os dous lados, un tramo de plataforma única con preferencia para peóns e mellora de todas as dotacións desta zona. "Estamos 100% de acordo con este anteproxecto", concluíu.
Desde a plataforma anuncian futuras propostas, todas elas xurdiron das demandas dos veciños e serán, entre outras, solicitar o acondicionamento da contorna do campo de fútbol da Barca, a mellora da accesibilidade na Avenida de Andurique, a construción dun parque infantil na contorna de Porteliña e a eliminación de obstáculos permanentes que existen nas beirarrúas de toda a parroquia para maior seguridade dos peóns e a mellora da accesibilidade para persoas con diversidade funcional.