Sintonía entre o Concello e a Xunta para a remodelación do porto de Portonovo
Por Redacción
O alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, e a conselleira do Mar, Rosa Quintana, atópanse en total sintonía en relación co proxecto do Concello de reordenar o porto de Portonovo e habilitar un aparcadoiro.
A conclusión extráese da reunión mantida este mércores entre Telmo Martín e Rosa Quintana, á que tamén acudiu o responsable de Portos de Galicia, José Juan Durán. O alcalde desprazouse a Santiago de Compostela para reunirse coa conselleira e abordaron asuntos referentes aos portos de Sanxenxo e Portonovo.
En relación con Portonovo, o alcalde informou á conselleira sobre os plans de mellora do porto, cunha mellor ordenación dos espazos portuarios e facendo un parking "imprescindible para a dinamización económica da vila". O alcalde mostroulle un plano da zona para explicarlle a idea xeral e explicoulle que nun par de meses espera contar cun proxecto técnico de mellora do porto.
Segundo informou o Concello, á conselleira gustoulle a idea que manexa o goberno e o alcalde trasladoulle que o obxectivo é dispoñer o próximo ano dun proxecto completo da actuación, acordado con todas as partes. Consultarase coa confraría de pescadores, os veciños e as distintas administracións con competencias na materia e buscarase un modelo de financiamento do proxecto que non será moi diferente ao que se aplicou no porto deportivo de Sanxenxo.
Este proxecto de remodelación inclúe o novo club de piragüismo. En relación con este asunto, a conselleira e o alcalde acordaron buscar unha alternativa transitoria que satisfaga ao club de piragüismo e que mellore as condicións da actual sede do club ata que se realice a reforma.
En relación ao porto deportivo de Sanxenxo, o alcalde informou á conselleira que o Concello está a traballar no expediente para solicitar a ampliación da concesión que termina en 2027.
A Lei de Portos de Galicia establece, entre outros requisitos, que as entidades que aspiren a ampliar as concesións realicen novos investimentos que melloren as instalacións portuarias e as súas contornas. No caso do porto deportivo de Sanxenxo, entre os investimentos que o goberno contempla está a mellora do proxecto de rexeneración da praia da Carabuxeira, coa inclusión dunha senda peonil que comunique esta praia coa de Panadeira.
O goberno de Sanxenxo tamén está a estudar varias ideas que permitan unha maior utilización da Praza do Mar durante os meses de mal tempo.
Relacionadas:
-
O goberno local presentará en novembro o proxecto da zona portuaria de Portonovo
Por Redacción |
-
Dúas parcelas en Miraflores permitirán crear 240 aparcamentos en Sanxenxo
Por Redacción |
-
Sanxenxo entrega a Costas o proxecto da Carabuxeira para a súa avaliación ambiental
Por Redacción |
-
Primeira reunión de Costas, Portos e Concello para abordar a mellora da Carabuxeira
Por Redacción |