Dúas parcelas en Miraflores permitirán crear 240 aparcamentos en Sanxenxo
Por Redacción
Máis de 6.000 metros cadrados para aparcadoiros. É o espazo que acondicionará o Concello de Sanxenxo en Miraflores, tras a adquisición de dúas parcelas que custaron 70.000 euros ás arcas municipais.
Estas dúas parcelas, que suman 1.183 metros cadrados, súmanse ás outras catro -de 4.839 metros cadrados en total- que xa eran de titularidade municipal pero que carecían dun bo acceso desde a rúa Miraflores.
Este espazo vai permitir crear un novo acceso ao CEIP da Florida desde Miraflores, tanto para os autobuses do transporte escolar como para os vehículos privados, mellorando así a seguridade de pais e alumnos e axilizando o tráfico do que ata agora era o único viario de acceso ao colexio, a rúa Ricardo Santos, na que se xeran atascos diarios.
Ademais, habilitarase un novo aparcadoiro con capacidade para 240 vehículos para os meses de verán. Segundo os técnicos, necesítanse 25 metros cadrados por vehículo, entre o espazo que ocupa cada coche e a parte proporcional dos carrís de acceso e saída do aparcadoiro.
O ano pasado xa se crearon 208 novas prazas de aparcadoiro na vila de Sanxenxo coa posta en marcha do parking da Praza do Mar. Coa parcela de Miraflores aumentan ata 448 os espazos de aparcadoiro, sen contar segundo o Concello coa aplicación da zona azul que permitiu unha maior rotación das prazas dispoñibles.
O goberno municipal tamén está a traballar na reordenación dos espazos dispoñibles de aparcadoiro en Portonovo, entre outras cuestións, cun mellor aproveitamento do parking da rúa da Perla e doutras zonas ou coa posibilidade de chegar a acordos con propietarios que dispoñen de chan na contorna da vila.
O Concello quere que todas estas medidas estean operativas en xullo cando se incrementa o número de visitantes e, por tanto, a demanda de aparcadoiro.
Relacionadas:
-
Feijóo afirma que a humanización da Rúa Progreso contribuirá a consolidar o atractivo turístico de Sanxenxo
Por Oskar Viéitez |
-
Os veciños da avenida Luis Rocafort piden a zona azul para aparcar
Por Redacción |
-
Sintonía entre o Concello e a Xunta para a remodelación do porto de Portonovo
Por Redacción |