A Deputación inaugurará a reforma de Luís Rocafort o día 30 coa Banda de música de Sanxenxo
Por Redacción
A mellora integral da avenida Luís Rocafort en Sanxenxo será inaugurada o vindeiro sábado día 30 cun concerto da Banda de Música de Sanxenxo.
A formación sanxenxina interpretará, a partir das doce do mediodía, un repertorio de música tradicional e popular galega e finalizará coa Marcha Radeztky, habitual nesta época de Nadal. A actuación realizarase na propia avenida e habilitarase unha carpa en previsión de chuvia para que todos os veciños poidan asistir.
Segundo indicou o deputado de Mobilidade Uxío Benítez, as obras da mellora integral da rúa xa están rematadas, tendo finalizado onte venres os traballos de sinalización horizontal e vertical. Tamén están realizadas as probas de iluminación, que se fixeron durante varias noites da última semana a pesares de ter "amantadas" as novas farolas, que teñen un deseño feito específicamente para Sanxenxo.
Só faltan, pois, pequenos remates, retirar todos os valos, así como a limpeza xeral da avenida. Deste xeito, cúmplese o prazo dado pola institución provincial para a mellora da estrada, cuxa formalización da transferencia ao concello se concretará nos vindeiros días.
Na inauguración estará presente a presidenta provincial Carmela Silva, así como o deputado de Mobilidade Uxío Benítez, quen xa manifestou en diferentes ocasións a súa satisfacción pola grande calidade da obra, cun deseño que servirá para mellorar claramente a mobilidade peonil nunha vía estratéxica para o concello de Sanxenxo, utilizada non só pola veciñanza, senón tamén como acceso principal por moitos turistas.