Ex traballadoras de Grupo Empresas Alvarez concéntranse na Coruña
Por Redacción
O colectivo de ex traballadoras do Grupo de Empresas Álvarez (GEA) que asesora a CIG concentrouse este xoves diante dos xulgados da Coruña, con motivo da celebración da vista previa pola demanda civil interposta contra Inversiones Subel (propiedade do empresario Luis Fernández Somoza) a causa da millonaria débeda económica que a empresa ten pendente de abonarlles.
Esta débeda responde ao acordado no seu día pola venda de parte dos terreos que a antiga fábrica de louzas ocupaba en Cabral (Vigo).
As ex empregadas de GEA (Pontesa, Santa Clara e Royal China) manteñen o pulso mobilizador dun conflito que se prolonga dende hai case 17 anos e que agora traen ata Coruña, xa que será nos xulgados da cidade herculina onde se dirima a demanda civil interposta contra Subel.
O secretario comarcal da CIG de Pontevedra, Marcos Conde, que acompañou ao colectivo de ex traballadoras, lembrou que Fernández Somoza "é un dos homes máis ricos de Galicia e está nas listas dos máis ricos do Estado español, pero négase a pagar todo o acordado polos terreos que GEA ocupaba en Cabral" e que foron vendidos para afrontar as débedas salariais que a empresa de louzas tiña co seu persoal cando quebrou.
Segundo os cálculos da central sindical, a débeda que Inversiones Subel ten pendente de abonar ascende aos 2.5 millóns de euros, a repartir entre un colectivo formado por máis de 200 persoas.
Uns cartos que Somoza depositou no seu día no xulgado do social, pero que posteriormente deu orde de retirar. O problema, explica Conde, "é que nese proceso anterior contabilizáronse como pagados os cartos depositados por Subel no xulgado e que logo foron retirados. O que non pode ser é que se compute como pagado a estas traballadoras e traballadores un abono que nunca se chegou a efectivizar", subliña.
Hai que lembrar que a inmobiliaria adquiriu, hai xa máis dunha década, a parte dos terreos que ocupaban as instalacións de GEA en Cabral e Coruxo (Vigo).
Estas parcelas correspóndense co 25% dos terreos que lle tocou xestionar á CIG logo de que o Grupo de Empresas Álvarez pechara no ano 2001, sen pagar os salarios e as indemnizacións ao seu persoal. Naquel momento, Subel pagou unha parte do valor industrial, pero ás afectadas aínda lles resta por percibir (segundo o pactado entre ambas partes) a diferenza até o valor total que adquiriron os terreos ao seren recualificados e unha vez que o PXOM de Vigo xa é definitivo.
Tras a vista previa celebrada hoxe, a xuíza encargada deberá decidir nos próximos días se abre xuízo ou procede ao arquivo do mesmo, por considerar que se trata de cousa xulgada que é o posicionamento que defende a empresa para evitar o xuízo.