A Deputación pon as bases das novas edicións de Depotermal e Depo en marcha
Por Redacción
Dous dos principais programas sociais da Deputación de Pontevedra terán unha nova edición en 2018. Trátase das iniciativas Depotermal, que busca achegar o turismo de saúde aos maiores da provincia; e Depo en marcha, que propón favorecer un envellecemento activo. As bases para ambos proxectos acaban de ser aprobadas.
Para Depotermal 2018, o goberno provincial achegará 102.000 euros e del beneficiarase un total de 4.434 persoas dos concellos da provincia que se adhiran á iniciativa.
A través deste programa, a Deputación busca mellorar a calidade de vida dos maiores da provincia, fomentando o envellecemento activo, establecendo novas relacións sociais e favorecendo a participación en actividades que melloran o seu estado anímico.
Ademais, pretenden dinamizar a economía da provincia de Pontevedra, impulsando a creación e mantemento de postos de traballo no sector turístico durante os períodos de menor actividade, contribuíndo así a desestacionalizar a demanda.
Depotermal 2018 contará con dúas modalidades: diúrna e con pernocta. A modalidade diúrna inclúe o traslado, con guía acompañante, durante cinco días consecutivos, en quenda de mañá ou de tarde, a balnearios, talasos ou spas onde as persoas participantes no programa poderán gozar durante dúas horas, ao menos, das súas instalacións.
Esta modalidade oferta 1.248 prazas das cales 248 serán totalmente gratuítas para persoas en situación de risco, exclusión social ou escasos recursos económicos.
Pola súa banda, a modalidade con pernocta, inclúe o traslado e aloxamento durante cinco noites e seis días en réxime de pensión completa, con entradas ás instalacións termais para desfrutar delas durante un mínimo de dúas horas ao día e con actividades de animación sociocultural. Neste caso, ofértanse 3.186 prazas das cales 186 serán totalmente gratuítas tamén para persoas en situación de risco, exclusión social ou escasos recursos económicos.
Pola súa banda, para Depo en marcha destínanse 120.000 euros para impulsar obradoiros que contribúan a optimizar as oportunidades de saúde, participación e seguridade da terceira idade, mellorando o seu estado anímico, potenciando movementos de participación e de cooperación social, promovendo espazos de encontro e intercambio de experiencias e favorecendo a súa independencia para evitar o illamento e situacións de soidade.
En total, ofertaranse un cento de obradoiros enmarcados en oito temáticas dirixidos a entidades de persoas maiores, xubiladas e pensionistas da provincia de Pontevedra.
A primeira temática, "Traballando coas mans", oferta cursos sobre arte con flores, cestería, elaboración de xabóns, iniciación ao encaixe de palillos, restauración de mobles e tapicería e manualidades. Pola súa banda "Entre Fogóns" inclúe cursos sobre cociña galega, conservas artesanais, licores caseiros, panadería e respostería e tapiñas e petiscos.
Tamén se ofertan baixo a temática "Aprendendo da natureza" cursos sobre plantas medicinais e baixo "Móvete" alternativas saudables como pilates, ioga, ximnasia de mantemento e zumba. A temática "Activando corpo e mente" centrarase en cursos sobre a conservación da memoria, musicoterapia, risoterapia e control e manexo da ansiedade e do estrés.
Pola súa banda, a temática "Enredando" achegará ás persoas maiores obradoiros sobre xogos tradicionais e teatro, a denominada "Dálle marcha" cursos sobre bailes de salón, pandeireta e canto popular e "En rede" formación sobre internet, correo electrónico, manexo do móbil e informática de iniciación e avanzado.