Pontevedra e Sanxenxo incorpóranse ao programa Depotermal
Por Redacción
Un total de 52 concellos da provincia participarán este ano no programa Depotermal, que impulsa a Deputación para achegar o termalismo a todos os cidadáns. A el acceden por vez primeira os municipios de Sanxenxo e Pontevedra.
Para poder acceder a unha praza no programa, financiado con 100.000 euros, as persoas interesadas deben estar empadroadas na provincia de Pontevedra, ter nado antes do 1 de xaneiro de 1968 (ou aquelas que nacendo con posterioridade son pensionistas), contar cun grao de diversidade funcional igual ou superior ao 65% ou necesitar respiro familiar.
En total, a institución provincial oferta 4.434 prazas, das cales 1.248 serán para o programa termal de asistencia diaria sen pernocta (cinco días consecutivos de asistencia aos establecementos termais) e 3.186 para o programa termal con pernocta (cinco días e seis noites aloxados nos establecementos termais).
A Deputación de Pontevedra financia 248 prazas para o programa termal de asistencia diaria sen pernocta e 186 para o programa con pernocta, no caso de familias en situación ou risco de exclusión social.
Esta programa de termalismo e saúde ten por obxectivos promover o envellecemento activo e mellorar a calidade de vida das persoas maiores, impulsar o establecemento de novas relacións sociais, favorecer a participación en actividades que melloren o seu estado anímico, potenciar espazos de encontro e intercambio de experiencias e evitar o illamento e situacións de soidade.
Amais, ao desenvolverse en temporada turística baixa, o programa tamén permite dinamizar a economía da provincia, impulsando a creación e o mantemento de postos de traballo no sector turístico durante os períodos de menor actividade, desestacionalizando, así, a demanda.
Entre outros, participarán no programa Depotermal veciños de Barro, Caldas, Cambados, Campo Lameiro, Cerdedo-Cotobade, Cuntis, O Grove, A Illa de Arousa, A Lama, Marín, Meaño, Meis, Moraña, Poio, Ponte Caldelas, Pontevedra, Portas, Ribadumia, Sanxenxo, Vilaboa, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa.