Deteñen un vilagarcián que trapicheaba con droga utilizando un patinete eléctrico
Por Oskar Viéitez
Axentes da Policía Nacional detiveron un individuo por un delito de tráfico de drogas.
Segundo informaron fontes oficiais da comisaría de Vilagarcía de Arousa, durante a tarde do pasado domingo 1 de outubro, os axentes puideron observar como o detido realizaba o que parecían ser intercambios con diferentes individuos na vía pública utilizando un patinete eléctrico para desprazarse.
Os policías interceptárono nas inmediacións da rúa San Roque. Durante o cacheo de seguridade interviñéronlle 12 papelinas de cocaína, dúas barritas de haxix e un total de 1.173 euros repartidos en numerosos billetes e varias moedas.
O detido, unha vez tramitadas as dilixencias policiais foi posto a disposición do xulgado de instrución de garda de Vilagarcía.