Píllano conducindo borracho por Marín dúas veces en apenas 48 horas
Por Redacción
Non unha senón dúas veces foi sorprendido un veciño de Marín, de 66 anos, conducindo baixo os efectos de bebidas alcohólicas polo centro urbano do municipio. E en tan só 48 horas.
Segundo informou a Policía Local, a primeira detención remóntase ao pasado xoves. Os axentes observaron como o home, que conducía unha furgoneta, non circulaba de forma "normal" polo que procederon a darlle o alto.
A proba de alcoholemia á que foi sometido arroxou un resultado positivo de 1.08, cuadriplicando a taxa permitida pola normativa de Tráfico.
De novo, na noite do sábado, foi sorprendido ao volante e, unha vez sometido ao test de detección alcohólica, superou a infracción anterior. Deu positivo cunha taxa de 1.36, cinco veces máis dos límites establecidos.
Os axentes procederon en ambos os casos a inmobilizar o vehículo e instruíronse dilixencias contra o condutor por dous presuntos delitos contra a seguridade viaria.
O infractor, que será privado do permiso de conducir entre un e catro anos, pódese enfrontar ademais a unha pena de prisión de tres a seis meses, a unha multa ou á realización de traballos en beneficio da comunidade.