Un repartidor acode ao Vao con cinco pizzas e, tras ameazarlle cun coitelo, róubanllas xunto co cambio e o móbil
Por Oskar Viéitez
Axentes da Policía Nacional detiveron un mozo de 30 anos de idade, veciño de Pontevedra e con antecedentes policiais, como presunto autor dun roubo con intimidación polo que ademais foi identificado un menor.
Segundo informaron fontes oficiais da comisaría de Pontevedra, os feitos sucederon sobre as 23.00 horas cando tras recibir unha chamada no establecemento hostaleiro solicitando cinco pizzas o repartidor dirixiuse á zona do Vao onde contactou con dous individuos.
Cando se dispoñía a entregar o pedido, un deles arrebatoulle as pizzas e saíu correndo e o outro, o menor de idade, púxolle un coitelo nun costado ameazándoo para que lle entregase o diñeiro, 43 euros e o teléfono móbil.
Por mor da denuncia os axentes iniciaron as pescudas para tratar de descubrir a identidade dos individuos.
Unha vez identificados comprobouse que un deles era menor de idade do que se informou á Fiscalía. Por iso os axentes detiveron ao maior de idade por un delito de roubo con intimidación.