O PP leva un "zasca" cos lombos
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
Dicía este venres o portavoz do Partido Socialista, Tino Fernández, que estaban a celebrar "o pleno da marmota" debido á reiteración de asuntos na orde do día que xa foran abordados anteriormente pola corporación.
Foi o caso dos lombos do rural, para os que o PP reclamaba ao Concello que acorde as actuacións cos veciños. Ante a falta de apoios o grupo popular aceptou unha emenda do PSOE que desvirtuaba a súa propia moción ao incluír o matiz de que os veciños non poderán ser quen tome unhas decisións que competen aos técnicos. Ao tempo o edil socialista Iván Puentes referiuse ao "PP de Podemos" pola súa aposta polo sistema asembleario.
As réplicas ao Partido Popular foron contundentes. Así, a portavoz de Cidadáns, María Rey, recriminoulles aos populares que no pleno de xullo defraudaron á plataforma antilombos O Rural Existe ao absterse nunha proposta do goberno local para instar medidas de redución da velocidade na estrada PO-223. María Rey dixo que os concelleiros do PP de Pontevedra eran "marxistas... pero de Groucho Marx, porque practican aquello de que estos son mis principios pero si no les gustan tengo otros".
O concelleiro do PP, José Luis Martín, tratou de defender que esta plataforma "no está politizada y es espontánea", provocando as gargalladas do resto de concelleiros da corporación.
Finalmente o concelleiro do BNG, César Mosquera, destacou que "a provincia de Pontevedra ten a maior sinistralidade de todo o Estado" polo que "hai que tomar medidas para corrixir iso", concluíndo que os lombos son, "segundo os técnicos" unha das maneiras máis efectivas de evitar os excesos de velocidade e "a xente quéreos, polo menos diante das súas casas".
"Vostedes quixeron montar lío con isto e saíron trasquilados", concluíu
PLUSVALÍA
Tampouco conseguiu o PP sacar adiante a súa proposta para que o Concello de Pontevedra proceda á devolución do imposto naqueles casos en que se acrediten perdas na venda de propiedades. O resto de grupos lembraron ao PP que ten que ser o Ministerio de Facenda o que modifique antes a lei.
CONTRATO DA AUGA E EUCALIPTOS
Tras o seu terceiro intento errado de reclamar a remunicipalización do servizo do servizo da auga, o PSOE presentará alegacións ao concurso en marcha para adxudicar por un período de 20 anos o contrato de xestión do a rede de saneamento e o abastecemento. O venres tampouco tivo éxito na súa proposta para que o pleno paralizase o trámite.
Con todo os socialistas lograron o apoio do resto de grupos, menos o PP, para aprobar a súa proposta para poñer freo aos cultivos de eucalipto en Galicia.
UNANIMIDADES
Por unanimidade aprobáronse as mocións para instar a Fomento que acometa reparacións na pasarela de madeira que empregan as mariscadoras en Lourizán e a adhesión ao "manifesto pola igualdade e a erradicación da violencia de xénero no deporte", que impulsa a Xunta de Galicia.
Relacionadas:
-
Veciños de Mourente piden á oposición que faga cumprir a ordenanza dos lombos
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
As empresas interesadas no contrato da auga visitan as infraestruturas hidráulicas de Pontevedra
Por Redacción |
-
Ampliación de beirarrúas, lombos e carril único para a entrada do CEIP Marcos da Portela
Por Redacción |
-
O Pazo de Meirás, Elnosa, a pasarela de Praceres e os lombos, entre os asuntos que irán a pleno este venres
Por Oskar Viéitez |
-
As obras de acougado de tráfico no Campiño, a partir do luns
Por Diego Espiño |
-
O Rural Existe reclama reunións con Lores, Carmela Silva e Cores Tourís
Por Cristina Saiz & Anxo Lourido |