Pont-Up Store exhibirá o mellor talento pontevedrés na Praza de España
Por Redacción
O Pont-Up Store é unha iniciativa de apoio ao emprendemento que leva xa catro edicións e que nesta ocasión contará cunha carpa de espazo emprendedor na Praza de España desde o xoves 21 ata o sábado 23. Alí poderán verse algunhas das iniciativas máis interesantes das entidades emprendedoras da provincia. Pero haberá máis actividades noutras sedes da cidade como o Museo de Pontevedra ou o Liceo Casino, entre outras.
As novas tecnoloxías e a enxeñería estarán acompañadas por outras propostas en sectores como o de alimentación, arte, cultura e deseño, con especial dedicación a actividades vinculadas á economía social.
Este xoves presentábase no Concello de Pontevedra a programación prevista para esta edición a través do director do encontro, Pedro Figueroa; acompañado pola concelleira de Promoción da cidade, Anabel Gulías; o responsable de Economía da Deputación, Carlos López Font e o vicerreitor do campus, Juan Manuel Corbacho.
Todos eles destacaron o talento que se expón nesta cita na que se visibilizan as novas ideas. Ao longo de tres días desenvolveranse 40 actividades de carácter emprendedor nun programa no que só se acolleu o 30% das solicitudes presentadas, segundo informaba Pedro Figueroa. O director desta iniciativa destacaba que o 33% dos proxectos proceden de zonas do rural da provincia e non das urbes.
O xoves 21, as actividades proxectaranse a través de encontros e charlas en distintos puntos da cidade para a partir do venres centrarse na carpa que se instalará na Praza de España, onde os visitantes poderán observar as actividades de dinamización que se expoñen.
Bicicletas de bambú, adhesivos para tapar as cámaras dos móbiles, aplicacións para xestionar o mantemento dun vehículo co smartphone, carcasas de recarga para dispositivos móbiles ou caixas de correo electrónicas que permiten recibir as compras online aínda estando ausentes do domicilio, son algunhas das curiosidades que sorprenderán nesta experiencia emprendedora.
Un dos puntos fortes deste ano será o achegamento ao ensino con proxectos como o de Pontevan, no que unha aula de cociña móbil elaborado por estudantes do CIFP Carlos Oroza, CIFP A Xunqueira, IES Frei Martín Sarmiento e o IES Montecelo permitirá achegarse a un vehículo que promove a comida sa e de calidade.
O Puntazo Exprés, que se desenvolve no Museo de Pontevedra, será outro dos espazos máis atractivos con dez emprendedores que poderán explicar en cinco minutos a súa iniciativa a cinco importantes empresas galegas.