O Pont-Up Store preséntase como o espazo de referencia para o emprendemento en Galicia
Por Oskar Viéitez
Este xoves presentouse en Pontevedra o Pont-Up Store, un encontro que vai converter a Pontevedra na capital do emprendemento en Galicia o 25 e 26 de setembro e no que se darán cita emprendedores, profesionais, estudantes, investidores, empresas, patrocinadores e medios de comunicación para apoiar a innovación, a colaboración, a formación, o financiamento e o emprendimiento creativo.
Na presentación participaron a concelleira de Promoción Económica, Anabel Gulías, o vicerreitor do campus de Pontevedra da Universidade de Vigo, Juan Manuel Corbacho e Pedro Figueroa, director do Grupo de Investigación G4 Plus da Universidade e impulsor deste evento.
Durante o acto, presentouse a web pontupstore.com a través da cal se poden inscribir xa os participantes ata o 9 de setembro.
A continuación o acto trasladouse á Praza de España espazo onde terá lugar o encontro en setembro, e repartiron entre os transeuntes tatuaxes temporais coa imaxe do evento.
O Pont Up Store 2015 é unha iniciativa de apoio a novos emprendedores, aberta a toda a cidadanía, e que centra os seus esforzos no incremento da cultura emprendedora na sociedade.
No marco da celebración do 25 aniversario da Universidade de Vigo e o impulso do Campus Crea este encontro é unha decidida aposta pola creatividade e o emprendemento para o desenvolvemento persoal e da sociedade en xeral.
Tralo éxito da pasada edición, para este 2015 a iniciativa ofrece aos participantes a posibilidade de escoller entre tres modalidades e combinalas como queiran: dispoñer dun stand de xeito gratuíto durante os dous días para dar a coñecer o seu proxecto, propoñer as súas propias actividades que se incluirán dentro do programa do evento, e por último, participar no apartado "10 minutos de gloria" no que se presenta o seu proxecto.
Relacionadas:
-
Pont-Up Store exhibirá o mellor talento pontevedrés na Praza de España
Por Redacción |
-
O 95% das iniciativas que xorden nos viveiros de empresas consolídanse no mercado
Por Oskar Viéitez |
-
500 emprendedores participarán nun congreso internacional que se celebrará en Pontevedra
Por Redacción |
-
Atención: Pop-Up Store en Pontevedra!
Por Sylvie Tartán |