Os Lannister, os Stark e algunha Khaleesi pasean xa por Pontevedra
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
"É Feira Franca na Boa Vila", así o anunciaron este venres pregoeiros a cabalo. Os Lannister, os Stark e algunha khaleesi pasean xa por Pontevedra nesta viaxe ao século XV -é o número dezaoito- participada por toda unha cidade que se desenvolve na primeira fin de semana do mes de setembro. Antes de que chegue o inverno.
Arredor de 270 xantares e ceas na rúa de veciños que recrean escenarios medievais falan da implicación dos pontevedreses dunha cita que pon o ramo ás festas de verán na capital do Lérez.
A hostalaría tamén xoga un papel fundamental na ambientación, recreación e oferta da Feira Franca: 135 establecementos solicitaron autorización para mergullarse na Pontevedra do século XV, un dato que amosa que o sector se consolida como un actor fundamental da feira. A oficina da Feira Franca recibiu tamén 120 solicitudes para instalar un posto nos mercados de artesanía e alimentación.
O Consello Aberto da Feira Franca acordou adicar a edición deste ano ao bestiario. Nas rúas de Pontevedra reviviranse os bestiarios reais e mitolóxicos do medievo durante a noite do 1 de setembro e toda a Feira Franca, que será o sábado, 2.
De feito, as bestas xa teñen un especial protagonismo na feira, que arranca todos os anos co desfile do viño, recreando a chegada do Ribeiro dende Ourense até Santa Clara, e de aí á praza da Ferraría onde se celebra o mercado. Bois, vacas, ovellas, cabalos... son protagonistas nesa xornada, un dos principais atractivos da festa.
Animais reais, pero tamén mitolóxicos forman parte da edición deste ano. As cocas, os dragóns, os grifóns... serán algúns dos animais monstruosos que se poderán ver na Feira Franca, e que envolven á festa da áurea de fantasía propia da época. Pontevedra revive nas gárgolas que penduran dos principais edificios eclesiásticos da cidade como en Santa María, esa mitoloxía de animais, monstros e bestas.