Valoriza dará unha resposta aos traballadores de Poio na véspera da folga do lixo
Por Oskar Viéitez
Este mércores tivo lugar a primeira xuntanza de negociación do convenio de limpeza viaria no Concello de Poio con mediación. A inspectora de traballo, Paula Rodríguez Lorenzo, convocou nas instalacións do Consello Galego de Relacións Laborais situadas na cidade de Vigo á representación dos traballadores e á Empresa Valoriza a fin de mediar no conflito.
Por parte de Valoriza presentouse o xefe de servizos en Poio, Marcos Serrano.
Despois dun curto tempo de negociación non se chegou a ningún tipo de acordo. A finalidade da xuntanza para Valoriza foi recoller a proposta dos traballadores. Quedaron de valorala e trasladarán a súa postura na vindeira xuntanza que quedou fixada para o luns 14 de agosto ás 10 da mañá no mesmo lugar. A folga está convocada para o mércores día 16.
A valoración que fan dende o comité de empresa desta primeira xuntanza mediada non é positiva. "Valoriza segue dando a mesma resposta ante as máis que dignas reivindicacións salariais plantexadas polos traballadores", que son a adecuación dos salarios ás demáis explotacións, o que lles obriga a loitar por unha suba de alomenos un 5%.
Engaden que seguen a ver unha "falla de respecto aos traballadores e por ende á cidadanía de Poio, xa que non se plantexa unha xuntanza de negociación senón tan só de presentación cunha postura nula sen contraoferta, indicando a falla de implicación nesta primeira xornada de negociación e continuando coa posición de inmobilismo por parte de Valoriza".
O sindicato UXT trasladou a súa preocupación pola data da vindeira xuntanza de negociación ao manterse tan alongada no tempo e próxima á convocatoria de folga, "o que implicará un tempo moi reducido para valoración de futuras propostas de cara a chegar a calquera tipo de acordo que poida servir aos traballadores e desta forma desconvocar o conflito".
Por todo isto intentarán adelantar esta data da vindeira xuntanza e así dar capacidade temporal á realización dunha negociación "máis calmada e reflexiva", concluíron.
Relacionadas:
-
Poio si terá recollida de lixo en agosto: un acordo de última hora desconvoca a folga dos traballadores
Por Redacción |
-
Valoriza dará unha resposta aos traballadores de Poio na véspera da folga do lixo
Por Oskar Viéitez |
-
Última oportunidade para a desconvocatoria da folga de lixo en Poio
Por Cristina Saiz & Anxo Lourido |
-
O Concello manterá unha xuntanza con Cespa-Ferrovial tras coñecer as queixas do persoal
Por Cristina Saiz & Anxo Lourido |
-
Polémico pleno en Poio coa ausencia do PP e a protesta dos traballadores de Valoriza
Por Anxo Lourido |
-
Os traballadores do servizo de limpeza de Poio visibilizarán o seu conflito laboral no pleno
Por Redacción |