Temperaturas de 27 graos durante a ponte nas Rías Baixas
Por Diego Torrado & Anxo Lourido
Galicia atópase nunha situación intermedia entre o anticiclón dos Azores no Atlántico e unha baixa sobre as illas Británicas, segundo o servizo de Meteogalicia. As nubes do norte iranse desprazando cara ao sur a medida que avance a xornada.
As temperaturas mínimas estarán en descenso situándose nos 14 graos mentres que as máximas estableceranse nos 27 graos. O vento soprará frouxo de compoñente oeste, con algún intervalo de moderado pola tarde. A temperatura da auga do mar para este domingo e para o inicio da semana nas Rías Baixas situarase nos 18 graos.
Durante o luns, as Rías Baixas terán grandes claros debido á situación nunha zona intermedia entre as altas e as baixas presións. O vento soprará frouxo de compoñente norte, con algún intervalo de moderado nas Rías Baixas pola tarde.
Xa o día festivo, o martes 25 de xullo, Pontevedra estará baixo a influencia das altas presións que entrarán en forma de cuña desde os Azores achegando estabilidade. As temperaturas mínimas descenderán lixeiramente, mentres que as máximas tenderán a ascender situándose sobre os 28 graos. Os ventos soprarán frouxos de compoñente norte, con intervalos moderados nas Rías Baixas durante a tarde.
De mércores a domingo, a situación meteorolóxica virá marcada por unha área intermedia entre as altas e as baixas presións. A situación será bastante cambiante e insegura, pero con predomino para as altas presións e, por tanto, tempo seco e asollado.