A feira de Portonovo abrirá a partir do 20 de xullo
Por Redacción
Este mércores reuniuse o Consello de Ínsula que aprobou o novo proxecto de organización e xestión da feira de Portonovo. En 2016 o tripartito xa deu un paso importante ao asumir por primeira vez Ínsula o control da feira. Este ano o goberno dá o paso definitivo, asumindo o Concello non só o control, senón tamén a xestión e a organización de todo o que ten que ver con este evento.
O verán pasado a feira durou desde o 16 de xullo ata o 31 de agosto. Este ano prolongarase a partir do 20 de xullo ata o 30 de setembro. A ampliación dun mes máis, contribuirá a potenciar a actividade económica de Portonovo, en definitiva, a alongar a tempada alta.
As 80 casetas previstas ocuparán un espazo de 900 metros cadrados na rúa Rafael Picó. Hai catro tipos de casetas:
- Simple de 9 metros cadrados cun prezo de adxudicación de 3.000 euros.
- Dobre de 18 metros cadrados cun prezo de adxudicación de 5.500 euros.
- Esquina simple de 9 metros cadrados cun prezo de adxudicación de 3.500 euros.
- Esquina dobre de 18 metros cadrados cun prezo de adxudicación de 6.500 euros.
Os principais gastos da feira son: 58.000 euros aluguer das casetas, 12.000 euros de montaxe e desmonte das mesmas, 12.000 euros en seguridade e vixilancia, 18.000 euros de canon de Costas e 6.000 euros de gasto de luz.
Ademais, está previsto que o beneficios que obteña Ínsula coa organización desta feira se destínen a financiar as festas e os eventos que se fan en Portonovo ao longo do ano, como son as Festas de San Roque, a Festa da Raia e outros.
Os aspirantes para alugar unha caseta teñen que cumprir unha serie de requisitos, como estar dados de alta nunha actividade económica, alta como autónomo, presentar as cotizacións sociais dos seus empregados, se os teñen, e facer unha declaración xurada de estar ao corrente das obrigacións fiscais.