Ínsula Sanxenxo xera os seus primeiros ingresos grazas á Feira de Artesanía de Portonovo
Por Redacción
Dez anos despois da súa constitución, a empresa pública Insua Sanxenxo xerou os seus primeiros ingresos. A organización da Feira de Artesanía de Portonovo reportará un total de 206.000 euros ás súas contas, unha cantidade que se corresponde coa totalidade do capital social inicial desta sociedade e que será recuperada polo Concello.
A organización da Feira de Artesanía foi adxudicada por unha cantidade de 245.000 euros. Con todo, os atrasos derivados da complexidade do proceso de contratación impediron que o evento puidese dar comezo o día 1 de xullo, como aparece recollido no prego de condicións, o que obrigou a realizar un desconto á empresa adxudicataria.
A empresa depositou, no momento da firma do contrato, os avais que garanten a Insua Sanxenxo o cobro desa cantidade, que deberá facerse en dous ingresos, un a finais de xullo e outro nos primeiros días de agosto. Ademais, derívase na empresa toda a responsabilidade respecto da organización e xestión da Feira de Artesanía ata o 31 de agosto.
David Otero, concelleiro de Economía, destaca por unha banda o feito de que se regularizou por parte da administración local a organización desta actividade comercial e que isto derive nun control directo sobre os ingresos que dela derívanse.
Respecto disto, o edil de Economía destaca que os 206.000 euros que o Concello recibirá por este concepto serán destinados sobre todo ao deseño dunha programación cultural e festiva en Portonovo, que será presentada a semana próxima e que dará comezo o día 27 de xullo, prolongándose durante todo o mes de setembro.
Así mesmo, o goberno local reservará unha partida para a realización dun plan de dinamización do comercio local e para a programación de diversas actividades.
Con este tipo de accións, o goberno municipal espera acabar co importante déficit que arrastra Insua Sanxenxo e poder viabilizarla. Así, o Concello está convencido de que novas actividades xestionadas a través da empresa pública permitirán que, a curto prazo, a empresa poida devolver a totalidade das transferencias recibidas desde a súa constitución e que serían perdas definitivas para a administración local en caso de continuar a actual dinámica.