O FLOP Festival enche de música e bo ambiente o parque dos Gafos
Por Redacción & Diego Torrado
Baixo a premisa de música, natureza e liberdade, o parque fluvial do río Gafos acolleu este sábado o festival FLOP, o broche de ouro á intensa programación que Pontevedra dedicou este ano a conmemorar o Orgullo LGTBI.
Foron doce horas intensas nas que a música, a gastronomía e o bo ambiente déronse a man para celebrar esta festa que, como é habitual, contou tamén coa súa vertente reivindicativa e actividades para todas as idades.
Desde as doce do mediodía, decenas de persoas gozaron da nutrida oferta de DJs locais e internacionais, entre elas a produtora coreana Peggy Gou, unha das selectoras musicais máis activas e demandadas actualmente na escena de clubs a nivel mundial, que fixo as delicias do público.
Os encargados de animar o festival FLOP á primeira hora foron os DJ pontevedreses Moreno Moreno, Chech ou JC e os vigueses Electric Feels. Ademais, tamén puxeron música o dúo galaico-berciano Certain People (Jose González e Manuel Gómez), o nigranés Viktor Flores ou Grobas, un dos DJs e produtores galegos máis recoñecidos.
Fon Kid, responsable do programa de radio e as festas Under the Ball, Dial Combo (trío de DJs formado por Mou, You O e Psychodandy), o madrileño Jackwasfaster e o produtor e DJ asturiano Kresy completaron a vertente musical desta cita festiva.
As doce horas de evento diúrno no Parque dos Gafos tiveron continuidade pola noite, cunha festa de peche que se celebrou no Pazo da Cultura.
Relacionadas:
-
Volve o Festival Flop, doce horas de música, gastronomía e Orgullo LGTBI
Por Redacción |
-
A bandeira multicor ondea en Pontevedra para conmemorar o Orgullo LGTBI
Por Redacción & Mónica Patxot |
-
O orgullo LGTBI en Pontevedra, a ritmo do FLOP Festival
Por Redacción |
-
O Flop chega aos centros educativos para promover o respecto cara sexualidades diversas
Por Redacción |