A bandeira multicor ondea en Pontevedra para conmemorar o Orgullo LGTBI
Por Redacción & Mónica Patxot
O Día Internacional do Orgullo LGTBI, que se conmemora este 28 de xuño en todo o mundo, tamén se celebra en Pontevedra. A bandeira arcoíris, que identifica a este colectivo, ondea xa nos balcóns da casa consistorial da Praza de España e, por primeira vez, da Deputación de Pontevedra.
A primeira en izarse foi a do Concello de Pontevedra. Foi nun acto presidido pola alcaldesa en funcións, Carme Da Silva. Iso si, con sorpresa. En lugar da tradicional bandeira multicolor, o goberno municipal optou por colgar do balcón seis paraugas, un por cada cor presente nesta insignia.
Esta homenaxe presidirá o balcón consistorial durante os próximos días e enmárcase dentro da programación deseñada para conmemorar o Orgullo LGTBI en Pontevedra.
Pola súa banda, a Deputación sumouse por primeira vez na súa historia a este acto conmemorativo, colgando a bandeira do seu balcón principal ata o vindeiro domingo.
Tras o seu izado, Carmela Silva destacou que esta decisión é un "grito na defensa da diversidade e igualdade de todas as persoas", unha mensaxe que buscan enviar a toda a cidadanía. Numerosos deputados do PSdeG-PSOE e o BNG participaron neste acto.
A presidenta reiterou o "compromiso" que a entidade provincial ten coa defensa da igualdade de todas as persoas e destacou que "énchenos de dignidade" colgar a bandeira na fachada do Pazo Provincial.
PONTE CALDELAS TAMÉN IZA A BANDEIRA
Outros municipios da comarca, como Ponte Caldelas, tamén se sumaron a esta celebración. Tamén por primeira vez nun edificio público loce este distintivo de tolerancia sexual, rexeitando calquera tipo de discriminación.
O goberno municipal optou por izala no Centro Cultural para darlle unha maior visibilidade, ao estar situado á beira da Alameda e porque entenden que as bandeiras oficiais do Concello "diluiría o simbolismo" que queren outorgan a este acto.