Unha avaría en Pontevedra afecta á subministración de auga en Marín e Bueu
Por Redacción
Unha avaría localizada na galería de servizos da avenida de Uruguai, fronte á rúa Irmáns Nodales, está a provocar problemas de subministración de auga nos concellos de Marín e Bueu. Con todo, tan só o núcleo de Seixo está sen auga corrente, pois o resto destes dous municipios se poden abastecer de fontes alternativas.
O problema na rede detectouse contra ás 12.00 horas de este martes. Segundo informou a empresa Viaqua, concesionaria do servizo de abastecemento de auga, está na condución de fundición de 500 milímetros.
Os operarios da concesionaria están a avaliar o dano rexistrado. Para iso, previamente foi necesario o baleirado parcial da galería de servizo e acceder cun equipo de mergulladores e técnicos da empresa. Localizouse un desprazamento de dúas tubaxes que perderon as suxeicións, e consecuentemente, produciuse unha fuga nunha das xuntas.
A complexa avaría afecta aos abastecemento dos concellos de Marín e Bueu, pero o Concello de Pontevedra xa mantivo contactos cos dous consistorios, que lle confirmaron a posibilidade de subministrarse por vías alternativas.
Segundo a información da que dispón o Concello, Marín ten reservas de auga nos depósitos de Pedreiras e Cadrelo e mantén o subministro da Escola Naval. En Bueu, tamén se informou da posibilidade de abastecerse de depósitos e achegas de mananciais propios.
Debido á complexidade do problema, o arranxo poderá prolongarse durante varias horas.