Marín e Bueu recuperan a normalidade tras catro días de cortes de auga
Por Redacción
A subministración de auga potable desde Pontevedra aos municipios de Marín e Bueu volve chegar en condicións normais. Así o garantiron os responsables da empresa Viaqua e o propio concello da capital, despois de que nas últimas horas quedase reparada a segunda avaría detectada esta semana na zona das Corbaceiras.
Tras catro días con problemas de subministración, a auga quedou restablecida sobre as 22.30 horas do venres e desde entón non se volveron a producir incidencias.
Do mesmo xeito que co primeiro fallo, os operarios de Viaqua procederon a substituír as tubaxes danadas por novas canalizacións e revisouse toda a galería de servizos para comprobar que estivese en perfecto estado.
A auga, que empezou a cargarse ás dez da noite, foi chegando de forma progresiva a todos os veciños de Marín e de Bueu, ata quedar o servizo operativo de novo.
Aínda que a maior parte dos lugares dos dous municipios estiveron abastecidos mediante depósitos propios durante esta semana, as parroquias de Seixo e Mogor foron as máis afectadas. Desde Marín tan só se puido fornecer auga durante algunhas horas ao día.
Tamén en Bueu, especialmente tras esta segunda avaría, houbo restricións nas zonas máis altas e distribuíuse auga entre os veciños que quedaron sen servizo a través de camións cisterna.