Unha segunda avaría pon en xaque o abastecemento de auga a Marín e Bueu
Por Redacción
Apenas hora e media. Foi o tempo no que se puido restablecer o servizo de abastecemento de auga potable a Marín e Bueu desde Pontevedra. Tras reparar a avaría que se produciu hai dous días, de novo detectouse un fallo na rede.
O Concello explica que é unha fuga similar á anterior, pero nesta ocasión está situada máis próxima á ponte da Barca.
Os traballos de reparación da primeira das avarías concluíu sobre as tres da tarde, tal e como tiña previsto o Concello e Viaqua, logo de ter que superar algúns contratempos na obra como a subida da marea que anega parte da galería de servizos na que se atopan as conducións de auga potable.
Fíxose unha supervisión de toda a rede, antes de poñela en funcionamento coa pertinente limpeza e enchido das tubaxes que estiveron operativas arredor de hora e media, dando auga ás zonas dos concellos de Marín e Bueu que estiveron con cortes puntuais dende este martes.
Nun momento dado, a empresa concesionaria detectou un consumo excesivo de auga e unha baixada na presión, síntoma dunha nova avaría na rede principal. Logo de facer as pertinentes pescudas, detectouse unha nova fuga.
O procedemento de reparación e os tempos de traballo serán similares aos da anterior avaría.
A empresa concesionaria tamén avisou aos concellos de Marín e Bueu, afectados por este segundo corte, para informar da situación. Os principais puntos de afectación da avaría son os mesmos que na anterior, especialmente, a parroquia de Seixo, en Marín.