O estanque das Palmeiras xa está rehabilitado
No estanque das Palmeiras só faltan os tradicionais patos. É o único elemento do que, polo de agora, carece este ámbito que vén de ser rehabilitado polo Concello de Pontevedra. O recinto volve estar aberto no seu habitual espazo da Alameda.
Os traballos de recuperación do estanque incluíron a renovación dos circuítos da auga, coa inclusión de dous chafarís no interior, colocáronse ras novas, limpouse e mellorouse o vaso con gresilla, ampliouse a estancia dos parrulos e puxéronse plantas acuáticas e iluminación led.
Ademais, arranxouse a contorna do estanque, chea de raíces que levantaran o camiño e as beirarrúas. Tamén se instalou un gran banco de madeira no frontal e unha bancada aproveitando o muro de separación da zona do estanque da rúa.
"Recuperamos o histórico estanque das Palmeiras, coas súas ras, e o pombal. É unha intervención economicamente non moi custosa e que queda esteticamente bonita", sinalou o alcalde Miguel Fernández Lores ao carón do estanque.
A historia do estanque e a historia persoal e familiar de tantos pontevedreses e pontevedresas neste espazo emblemático quedará reflectida nunha exposición fotográfica que se vai a desenvolver no mes de setembro. Contará con máis de 200 imaxes aportadas por veciños e veciñas de Pontevedra.
A recuperación do estanque das Palmeiras complétase cunha intervención rematada con anterioridade: o pombal, no que a empresa especializada Cestola na Cachola recreou o "Eterno retorno", o primeiro mural urbano da cidade.