Tes fotos antigas do estanque das Palmeiras? Meli Fandiño promove unha mostra desta zona emblemática
Por Redacción
A voz por excelancia da radio en Pontevedra, Meli Fandiño, garda magníficos recordos do estanque dos patos das Palmeiras de cando era cativa. Por iso, cando comprobou que se estaban acometendo as obras para reformar este espazo, pensou que sería unha boa idea recuperar aqueles recordos en forma de fotografías para montar unha exposición con imaxes dos anos 40, 50 e 60 daquelas persoas que gardan instantáneas desta contorna.
Naquelas décadas neste espazo do centro de Pontevedra atopábanse tres fotógrafos do minuto que cos seus cámaras de caixón buscaban clientes que quixesen levar o recordo do seu paso polo famoso estanque de cisnes e patos. O bordo contaba con ras de ferro encargadas de proxectar chorros de auga cara ao interior do depósito, que tamén se van a recuperar na reforma que leva a cabo o Concello.
Meli Fandiño trasladaba a iniciativa ao goberno local achegando tres fotografas de cando tiña menos de tres anos acompañada polos seus pais. O concelleiro Luís Bará recollía e apoiaba a idea. Por este motivo, ambos facían un chamamento este luns 6 de abril para que todas aquelas persoas que conten con fotografías desta contorna se acheguen polo Concello para que se poidan escanear dixitalmente ou as remitan a través do correo electrónico ou a través das redes sociais, de maneira que con elas se poida realizar unha mostra de imaxes que axuden a recordar este lugar emblemático.
A intención do goberno local, a pesar das críticas de colectivos animalistas, é dotar de novo ao estanque de patos de cores. Na actualidade está a traballarse no arranxo pormenorizado coa recolocación das pezas, a reinstalación de mobiliario urbano e a intervención no pombal, que leva a cabo Cestola na cachola.
O concelleiro Luís Bará espera que no mes de maio se poida inaugurar esta obra e, ao mesmo tempo, realizar a exposición nesa contorna cun mínimo de 50 fotos facilitadas polos pontevedreses, ademais das que poidan obter a través do arquivo municipal.
A xornalista pontevedresa mostrou o seu entusiasmo porque leve a cabo esta mellora pero tamén lembrou a necesidade de que o goberno local centre a súa atención noutros puntos da cidade, como no barrio de Mollabao, onde a locutora reside.
Relacionadas:
-
Unha mostra fotográfica con 200 recordos das Palmeiras
Por Redacción |
-
Unha comisión técnica decidirá que documentos do Arquivo Municipal serán destruídos
Por Alejandro Espiño |
-
O estanque das Palmeiras xa está rehabilitado
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Propoñen facer un mural co debuxo dun personaxe relevante nas medianeiras da Peregrina
Por Luca Yohan Silva Lamy & Mónica Patxot |
-
Animalistas desaconsellan a solta de parrulos no estanque das Palmeiras
Por Redacción |
-
O estanque das Palmeiras terá parrulos de cores cando finalicen as obras de reforma
Por Redacción |