Xa está rematado o pombal das Palmeiras, sabes o que representa o seu mural?
Por Redacción
Un "eterno retorno". É o que simboliza o mural que a empresa especializada Cestola na Cachola recreou no pombal das Palmeiras.
Segundo explican os creadores, aproveitando a forma circular do pombal crearon unha historia cíclica.
Así, na parte superior amósase a secuencia dunha eclipse dividida en fotogramas.
Na parte intermedia, unha muller cos ollos vendados lanza frechas tratando de darlle á mazá que está sobre a súa cabeza, pero ao percorrer o muro as frechas volven pola súas costas; e na parte posterior outra muller cun escudo trata de protexer a ambas das frechas. Ademais, unha serpe percorre a escena ata morder a súa propia cola, envolvéndoas con ela.
Na parte inferior amósase un río circular que representa o río Lérez repleto de vexetación.
Trátase dunha primeira experiencia coa que o Concello quere poñer en valor esta instalación que agora ten un uso moi diferente ao orixinal xa que serve para gardar ferramentas de traballo do departamento de Xardíns.
O propósito do Concello é continuar mellorando medianeiras da cidade con murais tan vistosos como este, tal e como indicou no seu día o concelleiro Luis Bará, que chegou a citar a posibilidade de empregar este método para embelecer as medianeiras da Peregrina.