Os bancos da cidade pasarán por 'chapa e pintura'
Por Alejandro Espiño
Máis de 400 bancos, situados por toda a cidade, serán rehabilitados nos próximos días. Trátase dunha actuación contratada polo Concello de Pontevedra á empresa Naturgalia, que permitirá deixar todo este mobiliario urbano nun óptimo estado de revista.
Estes traballos están orzamentados en 21.296 euros.
Permitirán realizar tarefas de mantemento e reparación dunha grande parte dos bancos de madeira das rúas e parques da cidade, tanto no centro histórico como no resto de rúas.
O traballo que se inicia nestes días consiste na limpeza de toda a estrutura -tamén dos pés de ferro dos que o teñen-, e no decapado, lixado e vernizado das madeiras que se realizará no mesmo sitio no que se atopa o banco. Tamén se repararán ou substituirán aquelas táboas ou pezas que estean en mal estado ou que haxa que retirar.
Entran nestes labores, os bancos de San Xosé, Augusto González Besada, Praza da Liberdade, Frai Xoán de Navarrete, Sagasta, Curros Enríquez, Gutiérrez Mellado, San Antoniño, Alfonso XIII, Rosalía de Castro, Arturo Souto, Paseo de Colón, Cruz Gallástegui, Calasancias, Avenida de Vigo, Xermán Adrio, Pardo Bazán, Alfredo García Alén, Augusto García Sánchez, Arcebispo Malvar, Raíña Vitoria, César Boente, Verdura, Cobián Roffignac, Padre Luís, Barcelos, praza de Galicia ou Avenida de Bos Aires.
Á intervención na cidade hai que engadir a rehabilitación dos bancos da Illa do Covo, unha intervención que se fixo en semanas pasadas, así como unha restauración similar que se fará proximamente no banco corrido da praza de Santa María.
Quedan fóra deste proxecto aqueles bancos que se atopan en bo estado de conservación como poden ser os máis de 70 que hai no paseo de beiramar ou o medio cento das Palmeiras, entre outros.
Esta intervención no mobiliario urbano de madeira, sinalan desde o Concello, é habitual pasado certo tempo, dado que o uso e especialmente a climatoloxía deterioran o material dos bancos, de tal modo que non resultan agradables para o seu uso e incluso poden chegar a resultar perigosos para os usuarios.