Os animalistas reclaman datos sobre a redacción da ordenanza de protección animal
Por Redacción
Máis de catro meses transcorreron xa desde a aprobación no pleno do Concello de Pontevedra da moción que pedía a redacción da primeira ordenanza de protección animal para o municipio, unha iniciativa que partiu da Asociación Animalista Libera e que veu avalada por 16.870 firmas e a proposta política de Marea. Ante a falta de noticias respecto diso os animalistas reclaman datos sobre a redacción desta ordenanza.
Os animalistas sinalan que o goberno da cidade do Lérez "debería xerar maior información pública" respecto dun proceso que emerxeu como petición cidadá e que tivo unha posición unánime naquel pleno do 27 de xaneiro, sinalando a necesidade de que tanto veciños como organizacións en defensa dos animais participen do proceso de redacción.
Neste sentido Pontevedra podería ser a cuarta cidade de Galicia en impulsar unha ordenanza de benestar animal "adaptada ás demandas e aos tempos sociais", despois da aprobación dun texto sectorial en Ferrol e dos procesos de redacción que se producen na Coruña e Santiago de Compostela, adaptando normas xa desfasadas ás necesidades actuais.
Desde Libera suxeriron nos últimos meses a necesidade de que a nova norma regule a creación de zonas de convivencia, acabe co uso de animais en espectáculos, xa sexan circos ou recreacións, impulse o programa local de xestión de colonias felinas ou comprometa recursos económicos para as asociacións locais.
Os defensores dos animais verían con bos ollos a declaración simbólica do municipio como "libre de corridas de touros", o que debería levar aparellado o compromiso institucional de incluír este aspecto na ordenanza de protección, "vetando calquera uso de medios públicos para financiar, sexa directa ou indirectamente, eventos ou equipamentos relacionados coa tauromaquia".
Relacionadas:
-
O PSOE pide medidas urxentes ante a proliferación de gatos abandonados na cidade
Por Redacción |
-
Libera ofrece a súa axuda para redactar a ordenanza municipal de protección animal
Por Redacción |
-
"Para ter un can, primeiro hai que ter responsabilidade"
Por Redacción |
-
Estas son as primeiras achegas á nova ordenanza de protección animal
Por Oskar Viéitez |
-
O Concello consultará con colectivos animalistas e veterinarios a ordenanza de protección animal
Por Alejandro Espiño |
-
Pontevedra terá nova ordenanza de terrazas e de protección animal
Por Alejandro Espiño |